ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

Conversas entre arraianos: Amélia Santos, artista barrosã

Artigo do escritor e etnógrafo José Rodríguez Cruz, natural da Gudiña
Amélia Santos pintando un prato de cerámica./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Estamos na localidade de Montalegre, case por fronte do Espaço Padre Fontes (Ecomuseo) e tamén moi cerca do Castelo que domina desde un alto outeiro esta poboación arraiana. Aquí mantemos unha amena conversa con Amélia Santos, recoñecida artista barrosã, no espazo da súa tenda ateigada de pinturas e pezas modeladas, que tamén utiliza como punto de promoción e venda das súas obras.

O Barroso é terra de innumerables persoeiros relevantes que engrandeceron a súa longa historia a traveso dos tempos. Maria Amélia Rodrigues dos Santos é natural de Montalegre merece que se destaque a súa labor entre eses persoeiros notables. Con referencia á súa faceta artística, hai que dicir que ten feito moitas exposicións de carácter individual e colectivo en diferentes localidades portuguesas e españolas. A súa arte forma parte de coleccións particulares en Portugal, Francia, Suíza, España, Estados Unidos, etc.

– Cando espertou o teu interese pola pintura e o modelado de barro?

– Desde pequena gosto de arte. Comecei a pintar telas cando tiña uns trinta anos e a realizar trabalhos em barro anos máis tarde.

– Con que fin naceu Barrosarte, para canalizar as vendas, dar a coñecer a obra?

– A Barrosarte nasceu em 2012 porque fiquei desempregada e vi na minha arte uma forma de subsistencia e agora é apenas disto que vivo. Na minha loja estão apenas trabalhos sobre a minha região. Vendo e dou a conhecer a obra.

– Cales son os motivos principais da pintura e do modelado do barro?

– Gosto de pintar temas sobre a minha região porque adoro o meio rural, levo para a tela o mundo que me rodeia. Sensibilazam-me as tradições que estão acabar quero eternizá-las nos meus trabalhos. Também faço candeeiros e, igualmente, gosto de trabalhar com paus e pedras.

– Téñenme comentado que tes feito bastantes exposicións da túa obra?

– Si, já fiz dezenas de exposições individuais e coletivas, en Portugal e Espanha.

Os cadros que pinta esta montalegrense singular reflicten imaxes da vida pastoril, do gando autóctono, de oficios e traballos agrícolas, do mundo propio das aldeas; co barro moldea fermosos presépios (nacementos), etc.

E, aínda cabe destacar dela o seguinte importante detalle: sei que garda como ouro en pano unha ampla recolleita etnográfica, costumista, sobre a zona, efectuada por ela tempo atrás, plasmada polo de agora en notas escritas en papel, ás que simplemente cómpre darlle forma para que algún día vexan a luz en formato de libro. Saberes populares entre os que tamén figura un vocabulario de verbas do calão, fala secreta asociada a contrabandistas e a actividades clandestinas na zona da raia. Un verdadeiro tesouro que Amélia tivo a ben salvar do esquecemento.

Artigos relacionados

Back to top button