OurenseÚltima hora

Convocada unha orde de axudas para emendar máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que esta nova orde, por importe de 1M de euros, busca o esforzo e a implicación de todos para incrementar o valor patrimonial dos inmobles e da paisaxe de Galicia

Visita do delegado da Xunta en Ourense a Boborás.

 

Por primeira vez a Xunta convoca unha orde de axudas para emendar e corrixir máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos, á que destina 1 millón de euros. Así o aseguraba o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén, na visita que realizaba ao concello de Boborás na mañá deste martes 27 de abril.

Acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, o delegado territorial animou aos veciños a solicitar esta orde de axudas para que os cidadáns leven a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna na que se asentan.

 

 

Gabriel Alén recalcou que “ata o 31 de maio, os particulares ou comunidades que desexen acollerse a esta liña de axudas poden presentar a súa solicitude, que cubrirá o 70% do importe global da proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións, e que, en todo caso, non superará os 3.000 euros por solicitude”.

Aos interesados só se lles poñerá unha condición: a actuación deberá adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística. Así, aquelas persoas que desexen cambiar un tellado ou mellorar o aspecto da medianeira do seu edificio poden pedir axuda para o tratamento da mesma; no caso de que unha persoa teña a fachada da súa vivenda con ladrillo á vista tamén pode solicitar unha subvención para revistar e pintar a fachada, así como para cambiar a tonalidade da pintura e renovar o exterior, seguindo a solución que a Guía de cor propón para a súa contorna.

 

Artigos relacionados

Back to top button