OurenseÚltima hora

Convocados 8.000 ourensáns para un cribado de Covid en Expourense na fin de semana

A previsión é realizar 4.000 PCR e 4.000 test de antíxenos, resultados que permitirán establecer a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión, así como establecer medidas específicas, segundo Sanidade

 

Na vindeira fin de semana terá lugar un cribado poboacional selectivo aleatorio a 8.000 persoas en Expourejse para detectar casos positivos asintomáticos no concello de Ourense. Desta maneira preténdese coñecer mellor a situación epidemiolóxica do municipio, onde se veñen incrementando rápidamente os contaxios desde Nadal, ascendendo a 649 casos positivos.

Uns 8.000 veciños da cidade serán convocados a realizarse probas diagnósticas de Covid-19 en Expourense o sábado e domingo en horario de mañá e tarde. A previsión é realizar 4.000 PCR e 4.000 test de antíxenos, resultados que permitirán establecer a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión, así como establecer medidas específicas.

Como é habitual a proba será voluntaria e as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as veciñas convocadas a que participen, seguindo as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou se están en corentena á espera do resultado dunha proba.

A citación realizarase a través dunha mensaxe de SMS, na que se indicará a hora e lugar de realización da mostraxe, que se enviará como é habitual ao teléfono que consta na ficha de cada usuario, polo que novamente o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, comprobando que está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente prégase o apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación á mostra.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario. Estas probas non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos ao Covid-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Artigos relacionados

Back to top button