EconomíaEconomíaÚltima hora

Convócanse as primeiras axudas específicas para compensar os danos do oso pardo no rural

Os beneficiarios son as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, así como de colmeas que se poidan ver afectadas

Detalle de destrozos causados polo oso nunha explotación apícola./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se convocan as primeiras axudas específicas para compensar os danos que provoca o oso pardo nas comunidades rurais, á que se destina un orzamento de 60.000 euros.

Os beneficiarios desta liña de axudas son as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), así como de colmeas que se poidan ver afectadas, e que deran traslado do dano a través do telefono 012.

No caso de danos ás colmeas, estas deberán cumprir cos requisitos establecidos en materia de rexistros, identificación e programas de control e vixilancia de enfermidades obrigatorios, de acordo coa normativa de aplicación. No resto de casos, deberase cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar ás especies gandeiras afectadas, así como estar identificado, de acordo coa normativa de aplicación.

As contías varían función das especies afectadas, e no caso das explotacións apícolas, dos elementos afectados do colmear e o grao de afectación. Tamén serán subvencionables os danos ocasionados aos rolos de herba como consecuencia da acción do oso e dos gastos veterinarios ou da realización da eutanasia, e os gastos derivados dunha res afectada que sobreviva e que sufra un aborto, de ser o caso.

Ata o 30 de setembro

A orde establece que as solicitudes se presentarán por sede electrónica preferiblemente e o prazo xeral de solicitudes esténdese ata o 30 de setembro. En calquera caso, os danos que foran comunicados entre o 1 de xaneiro e a data de publicación desta orde deberán presentar a solicitude de axuda no prazo dun mes a contar dende mañá; e para os danos que se produzan desde a entrada en vigor da orde, será dun mes a contar desde o día seguinte á comunicación do dano.

Cómpre lembrar que o Plan de recuperación do oso pardo (Ursus arctos L.) en Galicia, aprobado mediante o Decreto 149/1992, do 5 de xuño, inclúe entre os seus obxectivos de conservación o de optimizar a política de compensación socioeconómica nas comunidades rurais dos sectores oseiros e, máis concretamente, establecer un sistema áxil de pagamento de indemnizacións por danos. O obxectivo é minorar a conflitividade social naquelas zonas nas que se ten detectado a presenza do oso e fixar un mecanismo de axudas para paliar os danos ocasionados por esta especie, que complemente ao mecanismo de axudas á prevención dos mesmos.

A Orde publicada no DOG pode consultarse aquí:

AnuncioG0532-030321-0004_gl

Artigos relacionados

Back to top button