EconomíaEconomíaOurensePizarraÚltima hora

Convócase a liña de axudas para reducir as emisións de po e de ruído no sector mineiro galego

A convocatoria está aberta ata o 8 de xullo e conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros, segundo a Consellería de Economía
O sector mineiro da lousa é un dos que poderá acollerse a estas axudas./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Xunta vén de publicar o 6 de xuño no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova liña de axudas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria “para mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro”.

A convocatoria, que está aberta ata o 8 de xullo para empresas privadas do sector, conta cun orzamento de 2,4M€ e será de concorrencia competitiva. “O obxectivo é favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles contra o po e o ruído, tendo en conta o seu influxo tanto no contorno como na saúde dos traballadores. Deste xeito, trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico”, segundo Economía.

Os incentivos contarán con dous obxectivos. Por unha parte, dirixiranse a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución de emisións de po e ruído. Neste caso, destinarase 1,2 millóns de euros, con axudas máximas de 300.000 euros.

Mentres que o segundo obxectivo está destinado a actuacións para a redución da exposición ao po e o ruído dos traballadores e, deste xeito, mellorar as súas condicións laborais, con axudas de ata un máximo de 200.000 euros. Resérvase, tamén, un orzamento de 1,2 millóns de euros.

A consellería destaca que, como novidade, “en ambas as dúas liñas, xunto cos criterios de valoración técnicos inclúense outros criterios baseados na responsabilidade social e territorial da entidade solicitante, ou a integración laboral de persoas con capacidades diversas. Con este programa de apoios, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minería segura e sustentable capaz de xerar valor e emprego na Comunidade”.

Artigos relacionados

Back to top button