EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Convócase o concurso para elixir o cartel da XXIII Feira do Viño de Valdeorras, cun premio de 600 euros

A recepción de propostas está aberta ata o vindeiro 17 de xuño ás 15.00 horas

Imaxe da anterior edición da Feira do Viño de Valdeorras, no 2019./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras promoverá este ano unha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras que, en 2022, chega á súa vixésimoterceira edición. “Para promocionar o foro é necesario contar cun cartel ilustrativo orixinal, polo que o Consello Regulador decidiu convocar un concurso aberto a todas as persoas interesadas en participar. O cartel debe resaltar graficamente o saber facer do sector vitivinícola desta comarca de Ourense, que leva séculos elaborando tintos e brancos de altísima calidade”, segundo sinalan dende este orgainsmo.

O concurso está aberto a todos aqueles que desexen participar na iniciativa, procedan ou non do ámbito artístico. A única condición imprescindible é que o material presentado sexa inédito. Cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas diferentes, nun tamaño orixinal de 43 x 63 centímetros en posición vertical.

Os carteis deberán presentarse en formato informatizado en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300 ppp). A proposta enviarase por correo electrónico ao seguinte enderezo electrónico: consello@dovaldeorras.com, colocando no asunto o Cartel da Feira do Viño de Valdeorras, ou por correo ordinario ao seguinte enderezo postal:

C.R.D.O Valdeorras
Rúa D. Demetrio Macía número 5
32340-Vilamartín de Valdeorras (Ourense)

Indicarase o nome e apelidos, enderezo e teléfono do autor. A data límite de recepción é o 17 de xuño de 2022 ás 15:00 h.

Nas propostas poderá utilizarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc. Os carteis deseñados en ordenador deberán ter unha resolución de 300 dpi, nun tamaño real de 43 x 63 cm. No caso de resultar gañadores, os autores que opten por realizar o seu traballo a través de sistemas informáticos deberán facilitar o correspondente soporte dixital en formato vectorial para incluír os logotipos das entidades organizadoras.

Xurado e premios

Concederase un único premio de 600 euros. O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do deseño, a comunicación e a arte, así como polo presidente do Consello Regulador ou persoa en quen delegue.

Artigos relacionados

Back to top button