CulturaCulturaÚltima hora

Convócase o IX Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil

O prazo de presentación de traballo estará abertao ata o 30 de marzo

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Concello De Parada de Sil vén de convocar a novena edición deste xa consolidado Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil. Os traballos poderán presentarse ata o 30 de marzo “para que o xurado dispoña do tempo suficiente para a súa cualificación. O seu fallo farase público o 7 de maio e será inapelable”, segundo a organización.

Neste concurso pódese participar con microrrelatos en galego e/ou castelán , que en ningún caso deben superar as 200 palabras, segundo informa o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Os premios serán de 1.000 euros o primeiro, 500 euros o segundo e 300 euros o terceiro. Ata agora o terceiro premio era un accésit que o xurado concedía, se ben a partir desta edición pasa a ser un premio oficial.

Con este concurso o Concello de Parada de Sil pretende dar a coñecer este municipio e a Ribeira Sacra “para seguir atraendo visitantes a esta zona que este ano agarda dúas distincións do máis alto nivel como son a declaración de Reserva da Biosfera e a declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade”, tal e como se destaca dende esta administración local. Tamén se pretende promover a capacidade creativa dende o punto de vista literario.

O xurado desta nova edición, cuxas bases íntegras poden consultarse na páxina web do Concello (https://www.paradadesil.es), estará presidido polo hispanista e catedrático Antonio Carreño, veciño de Parada de Sil.  O alcalde, Aquilino Domínguez, amosa a súa confianza de que na convocatoria de 2021 sexa posible recuperar a normalidade para a cerimonia de entrega de premios e de celebración das Letras Galegas, que pola súa importancia e repercusión xa ten acadado un lugar destacado no panorama literario e cultural da provincia de Ourense.

A anterior edición do concurso acadaba a cifra récod de 1.044 participantes de distintas procedencias, practicamente de toda España e de moitos países estranxeiros como Colombia, Ecuador ou Arxentina, a onde foi xa a parar un segundo premio, entre outros. A gañadora da última edición (2020) foi a palentina Encarna Ruíz Rodríguez, co traballo “Una vida de película”, baseado no título de filmes recoñecidos no mundo do cinema.

Artigos relacionados

Back to top button