CulturaCulturaÚltima hora

Convócase o VIII Córgomo Arte, adicado á utilidade social da creación

Os autores interesados en participar nesta edición, cuxo título é "Sinapses", teñen de prazo ata o 22 de novembro para presentar as súas solicitudes

Os artistas valdeorreses Torino e Manuel Conde, na pasada edición de Córgomo Arte./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As bases da convocatoria da oitava edición do certame Córgomo Arte veñen de publicarse neste 8 de outubro. Este proxecto que aposta pola arte no rural está promovido polos creadores valdeorreses Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”. A iniciativa nace “da necesidade de crear un espazo de encontro e de diálogo para os artistas de Valdeorras, un lugar onde poder amosar as súas creacións e desfrutar libremente da arte e, ao mesmo tempo, usar a arte como medio para dinamizar a acción cultural no rural”.

Esta convocatoria está aberta a calquera artista interesado, sexa da disciplina que sexa. “Cada participante poderá presentar ata un máximo de dúas obras. No caso de tratarse dunha instalación, só se admitirá unha”, segundo as bases.

O título escollido para esta oitava edición é “Sinapses” e estará dedicada á “amosar a arte dende a súa utilidade social. A arte como forma de expresión é unha práctica empregada satisfactoriamente en terapias con enfermos de Alzheimer e doutras demencias. Non cura a doenza, pero quizais, poida aliviar a alma”, citando as bases.

As persoas interesadas en participar deberán incluír na súa solicitude unha breve descrición da obra ou obras presentadas, “na que se xustificará ou se establecerá unha relación entre a peza/s e a temática escollida para a presente edición. Deberán constar os datos técnicos da obra (título, técnica, medidas) e adxuntarase unha fotografía da mesma. Así mesmo incluíranse datos persoais e de contacto do artista”, tal e como se indica nas bases.

O prazo máximo de presentación de solicitudes concluirá o venres 22 de novembro de 2019 ás 00h. no correo corgomoarte@gmail.com.

Dende a organización de Córgomo Arte animan a “artistas e creadores a que se unan a esta nosa particular utopía”. A mostra coas obras seleccionadas acostuma abrirse ao público cada mes de decembro na Sala Conde e Torino en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras)

Artigos relacionados

Back to top button