CulturaCulturaÚltima hora

Convócase a V edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O galardón está promovido polo festival Outono Fotográfico e o prazo para presentarse estará aberto ata o 15 de setembro
O coordinador do Premio, Vítor Nieves (ao fondo), durante a súa intervención.

Favorecer a creación artística actual e dar a coñecer propostas de calidade dos autores que están a traballar neste ámbito de expresión cultural, son os obxectivos cos que o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea celebra este ano a súa quinta edición.

A nova convocatoria do certame era presentada na mañá do 18 de abril no Museo das Peregrinacións e de Santiago, contando coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Pilar García; do coordinador do premio, Vítor Nieves; e de Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico, festival ao abeiro do que se desenvolve o premio, co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Lugo.

O galardón do certame está dotado con 8.000 euros, que se traducen na realización dunha exposición itinerante co traballo gañador, que se acompaña dun catálogo editado no marco da colección de libros de fotografía Outono Fotográfico; dúas iniciativas das que o secretario xeral de Cultura destacou o seu “interese para avanzar na difusión da creación fotográfica contemporánea, así como na posta en valor das expresións artísticas nas diferentes linguaxes actuais”. Para iso, o certame promove un amplo percorrido da mostra en espazos expositivos de referencia tanto dentro como fóra de Galicia co que lle achegar ao público as propostas premiadas. Concretamente, a mostra será inaugurada no marco do Outono Fotográfico e poderá itinerar durante dous anos dentro da súa programación.

 

O coordinador do Premio, Vítor Nieves; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Pilar García; e o director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez.

 

Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez falou no acto  “da importancia dun Premio así que vén recoñecer o traballo dos e das fotógrafas do noso país e deixa rexistro do que supón o traballo mais importante do ano nesa disciplina artística”. En catro anos o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea “puxo en valor os traballos de Daniel Díaz Trigo, Berto Macei, Jose Romay, Eva Díez e Jon Gorospe, leva cinco exposicións producidas, cinco libros editados e decenas de itinerancias na Galiza e resto do Estado, así como no norte de Portugal e no Brasil”, lembrou o coordinador, Vítor Nieves.

As bases pódense descargar na web do festival www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 15 de setembro de 2015 e o fallo do xurado farase público o día 22 do mesmo mes.

Artigos relacionados

Back to top button