ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A cooperación local, eixo da reunión entre os presidentes da Xunta e da Fegamp

O alcalde barquense e presidente da Fegamp, Alfredo García, reuníase co titular do goberno galego na mañá do 9 de xaneiro

Impulsar unha lei autonómica para blindar a cooperación local. Era unha das cuestións nas que coincidían o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García, na xuntanza que mantiñan mañá do 9 de xaneiro.

Alfredo García trasláballe ao presidente galego as demandas dos concellos e provincias da comunidade de cara a esta nova lexislatura autonómica. Na xuntanza, á que tamén asistía o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a Fegamp lograba o compromiso do executivo galego de elaborar unha nova lei de bases do réxime local en Galicia.

Ambos  presidentes recoñecían que para levar a cabo esta normativa é necesaria unha nova lei básica do Goberno e a Administración local, competencia exclusiva do Estado, se ben concordaban na necesidade de que dentro dese novo texto haxa un capítulo especial para a cooperación municipal.

Dende a Fegamp expoñíase a necesidade de que a Xunta defenda en Madrid unhas condicións de financiamento máis xustas para Galicia. “Os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante respecto á media do Estado, unha situación moi discriminatoria, que se agrava aínda máis se temos en conta a nosa dispersión territorial e o envellecemento da poboación”, destacaba Alfredo García.
Tras cualificar a reunión de “moi produtiva”, Feijóo garantía o compromiso de seguir traballando: “temos axenda e temos contido. Imos blindar a cooperación local por lei; imos facer un Pacto da auga; imos seguir transferindo os centros de saúde á Comunidade; temos que facer unha peza separada nos gastos de todos os centros educativos con cargo ao orzamento da Comunidade e temos que traballar no ámbito da ordenación urbanística e para mellorar a demarcación municipal”, afirmaba.

Ademais agradecía á Fegamp que estea de acordo coas fusións voluntarias dos municipios, lembrando tamén que xunto á fusión voluntaria dos concellos hai outro procedemento que é a cooperación entre municipios e a asunción de servizos a través das deputacións; “algo que imos implementar e apoiar como fixemos ata agora para ter concellos viables, saneados e fortes”, dixo, insistindo en que “cooperación é a palabra clave nesta axenda que abrimos”.

Por outra banda, no eido sanitario, o presidente da Xunta garantía o compromiso de asumir a xestión de 29 centros de saúde máis por parte do Sergas, que se sumarán aos 52 asumidos nos últimos anos. “E inauguraremos sete novos centros de saúde”, concluía.

Tamén Alfredo García valoraba de maneira satisfactoria a xuntanza, á que cualificaba como “intensa e produtiva”. Ademais aproveitaba para trasladarlle ao titular da Xunta a necesidade de reformular o reparto dos fondos autonómicos aos municipios. A este respecto, a proposta da Federación é minimizar a concesión de subvencións e que esas partidas se trasladen directamente ao Fondo de Cooperación Local. Respecto dos convenios reiterativos que Xunta e concellos asinan ano a ano, a Federación insiste na conveniencia de pactar un calendario previo “para que se saiba a principios de ano de cantos cartos se dispón e para que”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button