Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

“Cooperativas como Amarelante son un exemplo a seguir dentro da economía social de Galicia”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitaba as instalacións desta sociedade cooperativa en Manzaneda e anunciaba que esta formación vai seguir presentando no Parlamento galego iniciativas para promover a creación e o desenvolvemento deste tipo de proxectos

 

Na necesidade de promover e apoiar os proxectos cooperativos en Galicia incidía o voceiro de En Marea, Luís Villares, na viaxe que realizaba na mañá do 20 de setembro a Manzaneda, acompañado polo deputado no Parlamento, Davide Rodríguez. Tras manter unha xuntanza co alcalde deste concello, Félix Domínguez, os tres visitaban a sede de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, na Corredoira.

No percorrido polas súas instalacións Villares coñecía os diferentes procesos de traballo que se realizan na nave desta cooperativa (formada por dez socios), que nacía no 2013 apostando por recuperar e poñer en valor antigos soutos de castiñeiros a través do aluguer. Nas instalacións e, vendo os diferentes equipos, Villares descubría un proceso que comeza coa recepción da castaña e que remata coa elaboración de produtos finais como a fariña ou a bica de castaña.

“Hoxe constatamos que cooperativas como Amarelante son un exemplo a seguir dentro da economía social galega. Dende o ano 2007 incrementouse en Galicia nun 30% o número de cooperativas existentes e actualmente son sobre 1.400. A propia crise económica fixo que a dinámica de creación de emprego se alterase en determinadas zonas do país cara unha economía máis social, máis cooperativa no sentido profundo do termo e este é un exemplo”, destacaba Villares.

Explicaba que “actualmente en Galicia son aproximadamente 10.000 persoas as que traballan en cooperativas de distinto grao. Para nós é unha fórmula especialmente positiva de creación de emprego porque é un emprego onde todo o cadro de persoal se corresponsabiliza na xestión, no propio traballo que se desenvolve. Ademais existen varios modelos de negocio que están asociados ás capacidades endóxenas do noso país como é o caso da cooperativa que estamos a visitar hoxe, que supón a posta en valor de recursos que durante moito tempo estiveron abandonados, como os nosos soutos, e que supoñen non só a recuperación e a posta en valor do territorio, o cal tamén evita os incendios forestais, senón tamén a posibilidade de transformación ata un produto final, que o que xera é maior valor engadido. Aquí non simplemente se seca castaña, faise fariña e faise bica que é o produto final, que é xera maior valor engadido”.

 

Luis Villares, visitando as instalacións de Amarelante en Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Nese senso, dende En Marea demándase máis facilidades á hora de crear cooperativas e que as axudas que “haxa neste momento para o lanzamento ou mellora das cooperativas existentes se tramiten e cheguen os fondos en tempo real cando son necesarios aos propios proxectos cooperativos, xa que estamos vendo como agora existe un retraso de meses que dá lugar a que agora moitos proxectos teñan que adiantar fondos, o cal lles dá problemas de financiamento, de capitalización do propio investimento”, sinala Villares.

En segundo lugar, o voceiro de En Marea menciona “o retraso na adxudicación de fondos procedentes da PAC, que tamén ralentiza o desenvolvemento de proxectos cooperativos e dá lugar a que moitas veces isto, engadido ás trabas burocráticas que existen, impídelles acceder a eses fondos. Deste xeito, estamos perdendo unha oportunidade de negocio que para nós é fundamental e máis neste momento onde o ciclo de creación de emprego está cambiando, vimos no mes de agosto como se produciu unha destrución de emprego que foi a maior dos últimos once anos, e polo tanto as cooperativas que agromaron durante a crise económica de 2007 en adiante poden ser tamén unha solución para viabilizar outro tipo de economía. De aí o noso apoio completo a este tipo de proxectos laborais que podería solucionar moitos problemas económicos e de emprego no noso país”.

Neste senso, anunciaba que dende En Marea vanse seguir presentando iniciativas no Parlamento galego co fin de facilitar a creación de novas cooperativas e promover este modelo de asociacionismo económico.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button