ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados convoca unha manifestación para o día 26

Membros da plataforma daban unha charla informativa no Salón de Plenos do Concello da Rúa

En setembro de 2013, o Pleno do Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade dous puntos dunha moción do BNG que recollía as propostas da Coordinadora de Plataformas de Emigrantes Retornados para “por fin ao espolio tributario a conta das pensións de invalidez de Alemaña”. Mais hai un terceiro punto na moción que o PP rexeitou: a modificación da lei 35/2006, que é clave para dar solución ao problema. Dende a plataforma aseguran que se dá un paso “recoñecendo que temos razón pero néganse por parte do PP a reparar a inxustiza e a discriminación que sufrimos miles de galegos”, engadindo que “até o día de hoxe nin o ministro de Facenda Cristóbal Montoro, nin o Goberno galego e español explicaron que actuacións van realizar para darlle cumprimento a estes acordos”.

Por iso, a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) convocou unha manifestación nacional para o mércores 26 de abril ás 11:3oh. en Santiago de Compostela “que sairá dende a praza das Praterías con remate na rúa do Hórreo diante do Parlamento”, onde a deputada ourensá Noa Presas exporá a problemática que afecta a máis de 25.000 mulleres e homes “forzados a emigrar pola dictadura franquista cando eran mozos, e estafados e maltratados polo Reino de España ao voltar á terra, xa xubilados”.

A CNGER quere convocar a todas as plataformas de emigrantes retornados, partidos políticos, sindicatos, inmigrantes e colectivos solciais, así como á sociedade galega en xeral a participar na manifestación convocada baixo o lema Xustiza e Igualdade que centrará as reivindicacións na “esixencia da paralización da lei de Montoro e a urxente modificación das leis tributarias”.

Para informar sobre esta manifestación, así como da actual situación da problemática, na tarde do 6 de abril celebrábase no Salón de Plenos do Concello da Rúa, un acto informativo para todos os emigrantes retornados afectados polas retencións duplicadas de Facenda, ao que asistiron numerosas persoas, algunhas chegadas dende Ourense. Na parte informativa, estaban a alcaldesa da Rúa, María González Albert; o portavoz da Plataforma en Compostela, Manuel Domínguez; o portavoz nacional, Xosé Lois Leirós; o asesor xurídico da CNGER, Alexandre Lago; e deputada do BNG por Ourense, Noa Presas; entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button