CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Coral Candea celebrará o XX aniversario cunha edición especial do Festival Santa Cecilia

A gala musical terá lugar o sábado 18 de novembro ás 19h. na Casa da Cultura de Viana do Bolo
A Coral Candea nunha actuación, este verán en Viana.

A Coral Candea de Viana do Bolo leva dezasete anos organizando o Festival de Santa Cecilia cada mes de novembro, pero o deste ano será moi especial xa que está de aniversario. Nin máis nin menos que vinte anos leva en marcha o coro, con actividade ininterrumpida ao longo destas dúas décadas nas que chegaron a formar unha “gran familia”.

Trátase dunha data moi significativa que celebrarán por todo o alto o vindeiro sábado día 18 de novembro, no marco da XVII edición do encontro conmemorativo da patroa da música. A cita será a partires das sete da tarde na Casa da Cultura de Viana e contará coa actuación dun bo número de artistas: a Coral de Verín, a Banda infantil de Candea, a Banda de adultos de Candea, as Pandereteiras Abaneo, a Charanga Alegría, o grupo folk Tómalle Outra e por suposto a Coral Candea.

 

Cartel do Festival Santa Cecilia.

A actuación dos anfitrións será moi especial, xa que ademais de contar coa presenza de xente que formou parte do coro nalgún momento da súa traxectoria, interpretarán sete cancións cos diferentes directores que pasaron pola agrupación. O primeiro e fundador foi Juan Antonio Pinza e baixo a súa batuta interpretarán dúas pezas populares galegas: Os meus amores e Alecrin. O segundo foi Edelmiro L. Mateo que collía as rendas no ano 2000, iniciando a celebración da festividade de Santa Cecilia e con el interpretarán outros dous temas: Si te casas en Ourense (Popular galega) e Es la mujer como el vino (Edelmiro L. Mateo). Baixo a batuta do terceiro e actual director, Miguel Ángel Guerra, cantarán tres temas: Si yo pudiera volar (Alejandro Fernández), Yo tuve un gran amor en La Coruña e Foliada de Nadela (Tradicional galega).

Coma sempre, o acto pecharase con todos os participantes sobre o escenario para interpretar de forma conxunta unha peza que nesta ocasión será Vén bailar Carmiña. E despois, tamén como en cada edición, terá lugar a cea de confraternización no restaurante A nosa casa.

Artigos relacionados

Back to top button