OurenseÚltima hora

Cristina Pato, Luar na Lubre ou Milladoiro, no novo disco da Coral de Ruada

A formación lanzará o seu novo traballo o vindeiro 24 de xuño, tras celebrar esta fin de semana o X Certame de Ruada
De esquerda a dereita, Rodríguez, Vázquez, Lago e Quevedo.
De esquerda a dereita, Rodríguez, Vázquez, Quevedo e Lago.

A histórica Coral de Ruada de Ourense conta con novo traballo discográfico. A piques de cumprir o século de vida, a formación presentará o vindeiro 24 de xuño “De ruada entre amigos”, un CD-DVD que incluirá 18 temas do seu repertorio cunha gran novidade: a colaboración dunha ringleira de artistas dos máis prestixiosos do panorama da música galega. Deste xeito, talentos como o da gaiteira ourensá Cristina Pato, ou de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro ou Treixadura mestúranse coas voces da coral.

Un momento da presentación do disco, esta mañá, no Liceo de Ourense.
Un momento da presentación do disco, esta mañá, no Liceo de Ourense.

Esta mañá de venres tiña lugar a presentación do novo traballo, un acto ao que asistiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ao que dende a directiva da coral presentaron como un dos grandes impulsores do proxecto musical, nunha primeira etapa como conselleiro de Cultura, e logo como rexedor da cidade das Burgas. En calidade de representantes da propia coral estivo Eladio Quevedo, acompañado de Samuel Lago e de Emilio Rodríguez, da directiva.

O CD-DVD tamén conta co tinte musical doutros artistas e grupos ourensáns como Gomes Mouro e Brañas Folk. Tamén hai colaboración de artistas que foron seleccionados por teren no seu repertorio cantigas da coral ourensá. É o caso de Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura, Os Melidaos e inclusive algúns estranxeiros como Andrew Cronshaw e Tigran Aleksanyan, procedentes de Inglaterra e Armenia, respectivamente.

Pero este novo traballo discográfico que asina a Coral de Ruada tamén conta cunha colaboración moi especial: a actuación de varios coros infantís. Segundo explicaron, a formación traballou con eles grazas aos convenios de colaboración que manteñen con varios colexios da cidade. Así, forman parte do disco 68 nenos e nenas dos coros infantís dos colexios Concepción Arenal, CEIP Curros Enríquez, Colexio Miraflores e Colexio Padre Feijóo-Zorelle.

“Ourense ten moi boas voces, temos canteira e talento”, manifestou Vázquez, que fixo fincapé na importancia de manter estas tradicións, que segundo dixo, teñen a súa esencia nunha “provincia con moita creatividade”. Gabou o labor cultural da Coral de Ruada e animou aos asistentes a por en valor a súa música.

Neste contexto, o encontro celebrado hoxe no Liceo tamén serviu para lembrar a celebración, esta fin de semana, do X Certame de Ruada. O programa discorrerá principalmente entre os días 18 e 19. Deste xeito, na xornada de mañá sábado, haberá un concerto no Liceo ás 20:30h, coa Coral do Liceo de Ourense e a Coral Polifónica de Pontevedra.

O domingo, no marco da Romaría de Oseira, a Coral de Ruada actuará na misa cantada das 13h na igrexa do Mosteiro de Oseira. A festa continuará posteriormente cun xantar ás 14h que terá lugar na carballeira de Oseira. O evento conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a Consellería de Cultura, da Comunidade Cisterciense de Oseira, do Teatro Principal de Ourense e do propio Liceo.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button