En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Córgomo Arte, unha proposta creativa na clave máxica do “Sete”

Os valdeorreses Conde, Torino, Noé Blanco, Coquixo e Chere están entre os doce artistas que amosan a súa obra nesta edición en Córgomo (Vilamartín)

Con obras dunha ducia de artistas, cinco deles valdeorreses, vén de inaugurarse na tarde do 8 de decembro a sétima edición de “Córgomo Arte” na sala Conde Torino de Córgomo (Vilamartín), cunha notable asistencia de persoas. Este proxecto, que aposta por achegar a arte actual e galega ao rural, xira nesta edición precisamente en torno ao número “Sete”. Unha temática que cada un dos creadores reinterpreta e plasma a través de diferentes disciplinas, técnicas e materiais.

Entre o elenco de autores están o vilamartinés Manuel Conde e o petinés Victorino Núñez “Torino”, artistas promotores deste proxecto. Así, o primeiro deles amosa un relevo con técnica mixta titulado “Na sétima hora” e a escultura “Anatomía en equilibrio”, recurrindo en ambas á combinación de lousa e madeira. Pola súa banda, Torino mestura pedra e madeira en pezas escultóricas como “Muller ao sol” e “Tres máis catro”.

O barquense Luis Enrique Rodríguez “Coquixo” participa en “Sete” con dúas obras nas que aposta pola forza e elegancia do ferro. Nun caso como único material en “S/T”, noutro, e “Gato”, nun colaxe de elementos nos que incorpora dun xeito moi orixinal a madeira e a lousa. En ambos casos, as pezas de ferro son obxectos antigos, independentes e cun carácter moi práctico na vida cotiá (puntas, ferraduras, chaves, un raíl…) ás que reúne e reutiliza nunha nova combinación na que, respectando o seu carácter orixinal, se convirten nalgo novo, diferente e cun perfecto sentido.

 

 

Unha das obras da exposición, que pode visitarse na sala Conde Torino en Córgomo (Vilamartín). Foto: Carlos G. Hervella.

 

Coa simboloxía, xeometría e táctica do xadrez xoga na súa proposta creativa en “Sete” o rues Noé Blanco. En “Sete pezas a partir do xadrez” enlaza a escultura e a plástica usando como materias primas artísticas a madeira e o papel nunha singular instalación, colocada ademais sobre un taboleiro deste xogo, con cadros brancos e negros. Nesta proposta utiliza as pezas do xadrez, as súas formas e movementos para falar de poder e das súas simboloxías.

A mostra inclúe outra obra con selo valdeorrés. Trátase de “En sintonía” de Gerardo Rodríguez “Chere”, unha orixinal composición de acrílico sobre televisión en 56 pulgadas coa particular pegada erótica deste autor barquense. Ademais, as persoas que percorran “Sete” atoparanse coas obras doutros sete creadores da provincia de Lugo: Violeta Bernardo, David Catá, Arturo Ceide e Beatriz Pérez (“Equipo Esparrela”), Crystilandia, Martín Lestao e Laura Varela.

Esta nova edición de Córgomo Arte, comisariada por Silvia Fiallega, poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xaneiro na Sala Conde Torino os sábados e domingos en horario de 10h. a 22h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button