ConcellosO BarcoÚltima hora

Corpus e San Antón: dobre celebración en Viloira (O Barco) neste 13 de xuño

 

Dúas celebracións nunha tiñan lugar na mañá deste domingo 13 de xuño na igrexa parroquial de Viloira, no Barco de Valdeorras: o Corpus Christi e o San Antón.

A data na que se celebra, oito días despois do xoves do Corpus, dá nome ás festas destacadas de Viloira, a Octava do Corpus, unha cita que goza dunha gran popularidade relixiosa entre os veciños desta zona e doutras próximas, sendo moitos os barquenses que se achegan ata Viloira este día para participar destes actos relixiosos na honra ao Corpus, festividade que foi instaurada na igrexa católica hai uns oito séculos, e que celebra a conversión de Cristo en Eucaristía, que se dá como alimento aos cristiáns.

 

 

De aí a súa importancia, xa que este é un dos piares básicos nos que se asenta a fe do cristianismo. Este é o motivo de que a festividade do Corpus se celebre en moitos lugares, e xeralmente se faga coincidir co momento en que os rapaces reciben o sacramento da Primeira Comuñón. En Viloira, ao celebrarse oito días despois, os nenos tomaban por primeira vez o Corpo de Cristo hai oito días, aínda que hoxe, volvían vestir os traxes da gala para asistir á misa. Non estaban todos pero os que si asistían facíano emocionados acompañando ao cura durante a celebración.

 

 

Este ano a celebración da Octava do Corpus en Viloira limitouse a unha solemne eucaristía o Día de San Antón por iso, segundo o párroco Raúl Vega, estivo adicada ao santo. “Temos a súa imaxe recén restaurada con pan de ouro e bendecida polo Bispo”, puntualiza o sacerdote.

Como é tradición, durante a celebración da misa, cantada polo cura e polo coro, tamén se bendeciron pans e veas.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button