Galicia é a principal referencia española no sector da castaña. Era unha das cuestións que se poñía de manifesto no encontro que mantiñan representantes da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga) coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en San Caetano.
Dada a importancia do cultivo do castiñeiro, o sector galego lembraba a demanda, que se lle ten trasladado desde a Consellería ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama); para que o Centro de Referencia da Castaña teña a súa sede en Galicia.
Outro dos temas tratados era a creación da Mesa da Castaña como foro de debate e participación do sector e a administración para ordenar e fomentar este cultivo, así como para impulsar a súa promoción e comercialización, tal e como se fixo público dende Medio Rural.