ConcellosO BarcoÚltima hora

Creacións infantís e outonais na apertura da 9ª Semana da Lactación Materna do Barco

O programa desta inicitiva, que organiza De Nai a Nai, comezaba este domingo cun "taller sensorial de outono" para os máis pequenos

 

Follas secas de diferentes árbores, sementes, ramas, anacos de madeira, froitos ou mesmo pedriñas convertíanse en materiais creativos nas mans dos nenos e nenas que participaban na orixinal actividade infantil “Taller sensorial de outono”. Con ela abríase neste domingo o programa da 9ª Semana da Lactación Materna do Barco, que organiza a Asociación De Nai a Nai, e que este ano ten como lema “Protexer a lactación materna. Un compromiso de todos/ as!”.

Este obradoiro, coordinado por Silvia Arias Fernández (arquitecta, nai e coordinadora de crianza da asociación), impartíase no local de De Nai a Nai no Barco a partir das 10h. deste 3 de outubro coa participación de 14 cativos, organizados en dúas quendas (previa inscrición).

No taller utilizábanse materiais tomados na natureza valdeorresa, pero sempre sen danala: follas caídas, ramas secas, pedras, etc. A partir deles, os máis pequenos xogaban e experimentaban coas formas, cores e texturas destes elementos naturais, dando lugar a fermosas creacións sobre soportes como o plástico e o cartón (que despois se levaban como recordo), como no mesmo solo do local.

 

Os nenos traballando cos materiais./ Foto: A.R.

 

A Semana da Lactancia Materna do Barco continuará nos vindeiros días con actividades xa dirixidas a un público adulto (e organizadas en colaboración co Concello do Barco) como a xornada “Lactación e traballo. Un reto asumible…sempre?” e correrá a cargo de Lorena Prada, IBCLC e membro da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma. Será o 6 de outubro ás 17:30 h. no edificio Multiusos. Para esta xornada tamén será necesaria inscrición previa (máis información e inscricións no 629471830).

Ademais do 14 ao 16 de outubro impartirase o curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico – práctico, Nivel I”. Desenvolverase coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. É un curso organizado por De Nai a Nai, con axuda de María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras.

Fotos: A.R., agás as 7 últimas da galería que son cedidas pola Asociación De Nai a Nai.

 

Unha das creacións realizadas polos participantes no obradoiro./ Foto: De Nai a Nai.

Artigos relacionados

Back to top button