CulturaCulturaÚltima hora

Creadoras galegas explican en Ourense como falan da perspectiva de xénero nas súas creacións

Este relatorio está enmarcado dentro do III Ciclo Mulleres Creando, organizado polo Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)
Carolina Fernández, Cristina Domínguez, Mónica Sueiro e Irene Moreira.

Catro creadoras galegas: Carolina Fernández, Cristina Domínguez, Mónica Sueiro e Irene Moreira xuntáronse hoxe, 14 de outubro, no Auditorio Municipal de Ourense para falares da súa traxectoria como mulleres da cultura e de como introducen a perspectiva de xénero nas súas creacións.

Esta mesa redonda, chamada “Creación Feminina en Galicia” está enmarcada dentro do III Ciclo Mulleres Creando, que organiza o Festival Internacional de Ourense.

Estas creadoras expuxeron todos os seus traballos e a súa traxectoria, con isto, o obxectivo desta mesa era pór en valor a presenza do xénero feminino dentro do mundo das artes e a creación: escenógrafas, deseñadoras de vestiario, directoras, actrices… e un longo etcétera. As catro falaron de como chegaron até onde están e expuxeron, tamén, as trabas que se atoparon á hora de crear.

Tamén falaron de como facer visible, a través das súas creacións, a perspectiva de xénero. Por exemplo, Cristina Fernández, asegurou que para facer a obra “Nacidas libres”, que se representou onte, 13 de outubro no Auditorio, “o que eu fixen foi ser a mediadora entre as actrices e ás personaxes”, explicou que o seu obxectivo era “tratalas como creadoras” e non como alguén que actúa baixo as ordes dun director.

Outro dos proxectos dos que falou foi un que se chama “As do peixe”, unha obra que está baseada nas mulleres que traballan no mundo da praza e da pesca. Cristina Domínguez asegurou que o seu obxectivo “era dar a coñecer á muller proletaria”, e para iso foi falar con esas mulleres que traballan nas lonxas e nas prazas. A directora reiterou que a súa impresión foi moi grande “cando me din de conta de que elas non se sentían coma mulleres traballadoras, senón coma unha axuda na casa”. Neste senso, intentou plasmar ese pensamento e como pouco a pouco, coa chegada da crise, esas mulleres déronse de conta de que precisaban traballar e que precisaban unha profesión.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button