OurenseÚltima hora

Créanse as bolsas Ourense Rural para universitarios do rural que teñan que desprazarse a Ourense

O prazo de solicitude destas bolsas (promovidas pola A UVigo, o Consello Social e a Deputación de Ourense) estará aberto ata o 21 de outubro

Foto: Duvi.

 

Veñen de presentarse as bolsas Ourense Rural para o estudantado matriculado no Campus de Ourense este curso 2021/2022. Trátase dunha iniciativa que busca “atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes dos campus universitarios e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais”, tal e como sinala a Universidade de Vigo.

A convocatoria, que se realiza este curso académico por primeira vez, está dotada cun máximo de 25.000 euros, dos que a Universidade de Vigo achega ata 9000 euros, o Consello Social da UVigo ata 6000 euros e a Deputación de Ourense ata 10.000 euros, incluíndose a acción no marco do convenio asinado entre a institución académica e o órgano provincial para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia.

Esta iniciativa, segundo se di na súa convocatoria, “forma parte dun proxecto más amplo de extensión da UVigo ao rural, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais, e en especial ao estudantado universitario que alí reside”. Así está en liña co Plan Estratéxico da UVigo 21-26, que inclúe entre os seus obxectivos “reforzar o liderado da Universidade de Vigo como axente de xeración e de transferencia de coñecemento e como motor de desenvolvemento social a través da cooperación con entidades públicas e privadas” e a acción “potenciar o rural coma motor de desenvolvemento social”.

Igualmente, a convocatoria está en consonancia con iniciativas como a Axenda 2030 ou o RIO Observatory of Rural Research, creado en 2019 para “a posta en valor dun ecosistema de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sostible”.

De 400 a 1000 euros

As axudas previstas nas bolsas Ourense Rural destinaranse a cubrir gastos derivados do desprazamento desde o termo municipal da vivenda habitual da persoa beneficiaria ata o Concello de Ourense. As bolsas serán dun máximo de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 10 km); de 400 euros (de máis de 10 km a 30 km); 800 euros (de máis de 30 km a 50 km) e de 1000 euros (de mais de 50 km). O requisito xeral para presentarse é estar inscrita ou inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén se establecen diferentes requisitos económicos referidos á rendas dos membros da unidade familiar e do patrimonio familiar.

Pola súa banda, os requisitos académicos son estar matriculada ou matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado en centros propios do campus de Ourense ou da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense no curso 2021/2022 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da Universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65 por cento que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. A ou o solicitante non poderá estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. A persoa beneficiaria deberá estar matriculada na titulación oficial do campus de Ourense durante todo o curso académico 2021/2022 para poder manter a súa condición de bolseira.

As solicitudes realizarase a través do formulario en liña dispoñible na web da Universidade de Vigo, estando o prazo de solicitude aberto ata o 21 de outubro de 2021.

Artigos relacionados

Back to top button