EconomíaEconomíaÚltima hora

Créase a Comisión Interdepartamental da paisaxe cultural da Ribeira Sacra

A finalidade deste novo órgano é coordinar a aplicación de políticas e accións integradas que redunden na mellora das condicións de apreciación e difusión dos valores deste territorio das provincias de Ourense e Lugo

Paisaxe de viñedos na Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nos últimos días vén de constituírse a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra. Trátase dunha “ferramenta clave na coordinación de actuacións e investimentos” que, segundo a Xunta, permitirá continuar avanzando coas máximas garantías no desenvolvemento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, co obxectivo de que o territorio obteña este recoñecemento na 45ª sesión do Comité da Unesco o vindeiro ano.

A nova comisión é un órgano de xestión transversal que “reflicte o compromiso da Administración autonómica cos concellos da provincia de Lugo e Ourense que forman a paisaxe cultural da Ribeira Sacra”. Concretamente, están implicadas nesta comisión sete consellerías que, no seu conxunto, están investindo 34M€ neste territorio a través dun plan específico. Así, participan neste órgano a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación; así como as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade; Cultura, Educación e Universidade e Medio Rural.

Así mesmo, tamén están convidados a participar nesta ferramenta de xestión outros organismos e entidades locais presentes no territorio como concellos, consorcios, deputacións, asociacións e bispados, entre outros.

A finalidade deste novo órgano, cuxa creación foi aprobada no Consello da Xunta, é coordinar a aplicación de políticas e accións integradas que redunden na mellora das condicións de apreciación e difusión dos valores da paisaxe cultural, facilitando a participación activa da sociedade e procurando o benestar das comunidades locais, especialmente das rurais, creadoras da paisaxe e garantes da súa conservación.

 

A comisión presentará as iniciativas dos diferentes organismos e entidades representativas para unha xestión eficaz con garantías tendente á conservación dos seus valores como paisaxe cultural; fixará as estratexias, plans, políticas e accións da Xunta, e dará a coñecer os seus resultados; coordinará e fomentará as accións da Xunta, sen prexuízo do exercicio das competencias propias de cada departamento, e apoiará e impulsará as liñas de acción para a protección, conservación, investigación e difusión dos valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

Tamén serán funcións do devandito órgano habilitar as medidas necesarias para desenvolver e aplicar a normativa vixente en relación á Ribeira Sacra; elaborar propostas vinculadas coa situación e potencialidades da Ribeira Sacra como paisaxe cultural; realizar unha avaliación periódica da situación desta; e acometer calquera outra competencia e función relacionada co seu ámbito de actuación, así como as que lle encomende o Consello da Xunta e as que lle deleguen os órganos con competencia na materia.

 

Artigos relacionados

Back to top button