OurenseÚltima hora

Créase o grupo de traballo do lobo ibérico no noroeste da península

Esta promovido polas comunidades de Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias que deste xeito buscan elaborar a súa propia estratexia de xestión da especie

 

Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias veñen de anunciar a posta en marcha do Grupo de traballo do lobo ibérico no noroeste da Península Ibérica, co fin de elaborar a súa propia estratexia de xestión da especie. Entre os seus obxectivos a curto prazo tamén estarán o de servir de punto de encontro para a emisión de criterios científico-técnicos, a posta en común de moitas décadas de experiencia e, sobre todo, a creación dun censo coordinado e realizado por científicos de primeira orde “como primeiro paso necesario antes de efectuar calquera medida”.

Así o comunicaban esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, e os seus homólogos das catro comunidades, despois de participar en León nunha reunión para abordar a xestión desta especie e tras enviar unha carta ao director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Jorge Marquínez.

Ademais, Belén do Campo tamén daba a coñecer a decisión das comunidades ao norte do Douro de abandonar o grupo de traballo tutelado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que elaborou o borrador da nova estratexia estatal, por “non contar co persoal técnico das rexións que albergan e xestionan o 95% da especie” e por “dar carta de natureza a un traballo que non se axusta a uns mínimos criterios científicos esixibles”.

A folla de ruta que propón o Ministerio é, segundo expuxo a directora xeral galega, “inflexible e invariable”, ademais de rexeitar a súa “opinión, experiencia e competencia”. “Está realizada sen rigor, sen consenso e sen axustarse á realidade”, dixo.

Galicia, xunto coas outras tres comunidades, defende esta postura despois de analizar o contido do borrador da estratexia, remitido este mesmo mes desde o Goberno central aos membros do Comité de Flora e Fauna.

Do Campo indicou que “o Ministerio segue a actuar de xeito unilateral, cun guión predeterminado e inamobible, e intentando anular as competencias das comunidades”, polo que reiterou o “rexeitamento“ da Consellería ao contido da estratexia; “e así solicitaremos que conste en todos os documentos e actas”, dixo.

No ano 2022, a Xunta dobrará o orzamento para as axudas de prevención dos ataques de fauna silvestre (900.000 €) e destinará 2,1 millóns de euros a paliar os danos, para un total de 3 millóns de euros en subvencións, malia a “inseguridade xurídica” provocada polo novo status do lobo ibérico.

Un vez máis as catro rexións ao norte do Douro solicitaron capacidade de reflexión aos responsables do Ministerio, sobre todo tendo en conta que esta estratexia nace nun marco legal inestable por dous motivos. “O primeiro, a falta de consenso entre as administracións, que obrigou ás catro rexións a presentar un recurso ante a Audiencia Nacional contra a orde pola que se inclúe o lobo no Lesrpe. O segundo é que parte dunha premisa incorrecta, pois considera que o estado de conservación da especie na rexión biográfica atlántica é desfavorable, o que denota que nos se tiveron en conta os datos facilitados polas comunidades, que indican todo o contrario”, segundo a Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button