EconomíaEconomíaÚltima hora

Créase unha comisión executiva para seguir demandando investimentos para o Corredor Atlántico

 

Co fin de seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste, a Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e o Consello Económico e Social (CES) crearán unha comisión executiva, na que tamén convidarán a participar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así o acordaban, nunha reunión celebrada o 30 de novembro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a vicepresidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, así como o presidente do CES, Agustín Hernández. Na xuntanza, tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

No encontro, compartían a necesidade de aproveitar a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación Next Generation para impulsar o Corredor Atlántico do Noroeste a través da remodelación global da súa rede ferroviaria e incidían na importancia de seguir sumando vontades de todos os axentes implicados en Galicia para acadar un compromiso co Corredor Atlántico do Noroeste, reforzando a alianza forxada coas comunidades veciñas de Asturias e Castela e León.

Coa comisión executiva acordada, a defensa do Corredor Atlántico reforzaríase coa unión entre o goberno galego e os concellos, o sector económico e social a través do CES, así como os municipios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal integrados no Eixo Atlántico, tal e como indican os seus promotores.

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantiña unha reunión co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e co presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández.

 

Ademais, acordábase que o voceiro desta comisión executiva será o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández. Alberto Núñez Feijóo lembraba a alianza forxada entre Galicia, Asturias e Castela e León, así como as xestións realizadas desde o Eixo Atlántico, que permitiron que tanto a Comisión como o Parlamento Europeo aprobasen a proposta de extensión do corredor cara ao noroeste peninsular, a través dos treitos A Coruña-Vigo-Ourense-León.

A creación da comisión executiva permitirá unificar os esforzos que desde os distintos organismos e institucións se veñen realizando en Galicia en defensa do Corredor Atlántico do Noroeste.

 

Artigos relacionados

Back to top button