SanidadeÚltima hora

Cribado poboacional de Covid na comarca de Xinzo de Limia, que rexistra 215 casos activos

Terá lugar o vindeiro sábado e Sanidade adianta que serán convocadas unhas 4.000 persoas

Imaxe dun cribado realizado anteriormente na área sanitaria ourensá.

 

Na vindeira fin de semana a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco organizará un cribado poboacional na localidade de Xinzo de Limia. Terá un carácter comarcal e nel serán convocadas unhas 4.000 persoas. A día de hoxe a comarca ten unha alta incidencia, con 215 casos activos, segundo informa a Consellería de Sanidade.

“Pese as medidas adoptadas desde o pasado mes de decembro, a incidencia en Xinzo de Limia, e no conxunto desta comarca, continúa incrementándose, por elo, e co obxectivo de limitar a transmisión comunitaria detectando casos asintómaticos, a Xunta de de Galicia, a través dos equipos de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco procederá esta fin de semana a realizar un cribado selectivo aleatorio da súa poboación”, adianta Sanidade.

Os veciño desta comarca seleccionados para a mostraxe correspóndense cos usuarios e usuarias de 18 a 40 anos da bisbarra e os maiores de 40 de Xinzo de Limia, Porqueira, Calvos de Randín, Sandiás e Vilar de Santos, serán citados, entre hoxe e mañá, para acudir a realizarse unha proba PCR o sábado e domingo próximo, no pavillón municipal de Xinzo de Limia.

“A mostraxe correspóndese coa estratificación dos grupos de idade con maior risco de padecer a enfermidade, na súa condición de positivos asintomáticos, e polo tanto con maiores posibilidade de contribuir a diseminación da infección, entre a poboación desta comarca con elevada idade media, e por tanto, con maior vulnerabilidade a infección e risco de complicacións graves”, explica a consellería.

O cribado realizarase en quenda de mañá e tarde, os días 16 de xaneiro, no pavillón municipal de Xinzo, como é habitual será voluntario, pero as autoridades sanitarias instan a participar a todos e todas as veciñas convocadas e a seguir as instrucións en canto a horarios e medidas de protección.

No pavillón haberá oito postos de recollida de mostras, oito equipos de traballo formados por 8 enfermeiras e 6 TCAE.

A citación realizarase, como é habitual, a través dunha mensaxe de SMS, na que se lle indica a hora e lugar ao que debe dirixir, ao teléfono que consta na ficha de cada usuario, polo que novamente o Servizo Galego de Saúde lembra a importancia de manter os datos de contacto actualizados, e comprobar se se está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente desde o Centro de Saúde de cada usuario.

“Estas probas non se poden confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado”, aclara Sanidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close