SanidadeÚltima hora

Cribado selectivo de Covid a 1.600 veciños de Xinzo e Ribadavia

Faranse probas PCR a máis de 1.600 persoa seleccionadas aleatoriamente para detectar posibles positivos asintomáticos e cortar a cadea de contaxios

 

Vendo o incremento de casos nos últimos días e a gravidade dalgúns dos afectados por diferentes gromos, nos concellos de Ribadavia e Xinzo de Limia, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras procederá a facer un cribado selectivo de 1.600 dos seus veciños, que se realizará directamente en ambas vilas, mañá xa con restricións de mobilidade. Así o vén de anunciar o Sergas nesta tarde a través dunha nota de prensa.

O cribado realizarase mediante recollida de mostras para PCR. “Os veciños citados para realización destas probas están a recibir unha mensaxe nos seus móbiles, na que se lle indica a hora e lugar a onde deben acudir. A selección de participantes, en ambas vilas, é aleatoria e permitirá coñecer o grao de transmisión comunitaria, así como detectar posibles positivos a Covid-19 asintomáticos, ou sen síntomas, cortando así a cadea de contaxios”, aseguran dende a Consellería de Sanidade.

Así mesmo, dende este departamento autonómico aclaran que estas probas “non se poden confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado”.

Para poder poñer en marcha este operativo (e a primeira vez que se realiza de xeito masivo fóra da contorna hospitalaria) mobilizaranse 11 enfermeiras e 17 TCAE, que serán os responsables das tomas de mostras, o seu rexistro e traslado ao Servizo de Microbioloxía onde serán procesadas.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente por parte do persoal médico de atención primaria. Para elo, a dirección da Área Sanitaria lembra novamente a importancia de manter os datos de contacto actualizados e comprobar se se está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.

No polideportivo e nun colexio

En Ribadavia as probas realizaranse mañá sábado pola tarde, a partir das 15.00 horas, no CEIP “Alameda”. Alí están citados 613 veciños desta vila que, desde esta noite, súmase ao grupo dos 60 concellos galegos con maior nivel de restricións, que inclúe o peche da hostalería e a limitación de mobilidade, que xa está vixente en Xinzo de Limia desde a semana pasada.

Pola súa parte en Xinzo, as probas, ás que están convocados 1.040 veciños, realizaranse en xornada de mañá e tarde este domingo no Polideportivo da vila.

Dende o Sergas resáltase que só se lle farán as probas aos pacientes que sexa citados.

 

Artigos relacionados

Back to top button