OurenseÚltima hora

Cristina Pato deixa a gaita e colle o piano o xoves 14 no Teatro Principal de Ourense

Acompañada polo norteamericano Nicholas Cords e a súa viola, a gaiteira ourensá é a encargada de pechar o ciclo En Clave de Cámara
Cristina Pato e Nicholas Cords.

A ourensá Cristina Pato (piano) e o norteamericano Nicholas Cords (viola) chegan a Ourense, no marco do quinto ciclo Enclave de Cámara, cun recital centrado na idea de transformación e espiritualidade. Interpretando obras de compositores do século XX, achegarán unha visión fascinante e orixinal da música de cámara na actualidade. Un exercicio de exploración musical que xorde da experiencia profesional de dous grandes artistas e que pretende revisar a idea do que significa un concerto de cámara na sociedade do século XXI. A cita será o xoves 14 ás 20:30 horas no Teatro Principal.

Unha das experiencias que comparten os dous músicos é o traballo que dende hai anos desenvolven no “Silk Road Project” do violonchelista Yo-Yo Ma. Un proxecto e un colectivo musical que aspira a crear un mundo mellor a través dunha radical e transcultural colaboración musical entre artistas. Nicholas faino coma codirector artístico e Cristina como asesora de educación. Pero tamén coma intérpretes e, xunto a Yo-Yo Ma, percorreron o mundo en xiras que os levaron a moitos dos teatros máis emblemáticos, coma o Lincoln Center de New York, a Ópera de París ou o Concertgebow de Ámsterdam.

Horas antes do concerto, no Teatro Principal ás 16:00 horas, os dous artistas asistirán a un encontro aberto co público no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Estudantes e amantes da música en xeral poderán preguntar, aprender e compartir inquedanzas musicais con dous grandes representantes da música de cámara contemporánea.

As entradas para esta cita xa están á venda en www.ataquilla.com. Na billeteira do teatro estarán dispoñibles dende dúas horas antes do concerto.

Artigos relacionados

Back to top button