ConcellosO BarcoÚltima hora

Críticas dos usuarios pola “deixadez de servizos” na estación de Renfe do Barco

Estación de ferrocarril do Barco./ Foto: A.R.

 

Tanto a falta de persoal que atenda ao público, como os retrasos na chegada dos trens á estación de ferrocarril do Barco, seguen a suscitar críticas dos usuarios deste servizo de transporte. Era o que sucedía o pasado 7 de xaneiro, cando o tren Coruña Avant que partía da cidade herculina ás 8:05h. “non chegaba á hora que tiña prevista, ás 10:50h., á estación do Barco”, tal e como conta unha persoa que agardaba na estación á chegada dun viaxeiro dese tren a unha temperatura “de 3 graos baixo cero”. Ademais dela, había outros usuarios do servizo que esperaban para subirse ao tren.

Esta persoa tamén explica que non había ningún traballador da compañía ferroviaria na estación ao que preguntarlle sobre o retraso que podía levar o tren, “non hai factor, nin ventanilla de información, nin funcionarios, nin sequera rótulos luminosos”. E que ante esa falta de atención ao viaxeiro, tratou de contactar co teléfono de información que figura na web de Renfe, “que ademais é de pago”, sen obter tampouco datos concretos do tren.

Finalmente, o tren chegaba á estación barquense ás 11:44h, case unha hora despois do previsto. Por iso critica “o desleixo e desprezo” aos usuarios do servizo ferroviario, algo que tamén plasmaba por escrito nunha reclamación presentada na estación de Renfe da Coruña, localidade da que é veciña esta persoa, o pasado 8 de xaneiro. “Tampouco podería tela presentado na estación do Barco, xa que non hai onde facelo”, indica.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button