OurenseÚltima hora

A Cruz Vermella celebra o seu día

Manuel Baltar e Felipe Ferreiro, presentaron a nova ambulancia.

Hoxe, 8 de maio, é o Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella. Co gallo desta celebración, a Deputación de Ourense fixo entrega hoxe a esta institución sen ánimo de lucro dunha nova amublancia de soporte vital básico que vén a substituír no parque móbil dos equipos de socorros e emerxencias a outra ambulancia que, despois de 10 anos de servizo, será retirada segundo establece a normativa vixente sobre transporte sanitario.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, presentaron esta mañá a nova ambulancia. Esta doazón súmase á realizada o pasado ano, cando a Deputación subvencionara a adquisición doutra ambulancia das mesmas características.

Na provincia de Ourense, durante o 2016, Cruz Vermella realizou 130 servizos preventivos de socorros na provincia, en actos deportivos, culturais e festivos. En total, recibiron atención sanitaria 293 persoas dunha poboación obxecto que supera as 318.600 persoas participantes.

Cruz Vermella ten sido, durante anos, o único recurso presente nas estradas e cidades para a atención de emerxencia ás persoas mediante a súa rede de bases de socorro. En cambio, hoxe en día o obxectivo desta entidade é a prevención e axudar nas diferentes situacións provocadas pola manifestación dun risco ou accidente, colaborando na resolución das mesmas e ofrecendo resposta, se fora necesario, dun modo sostible no tempo en caso de catástrofes de gran magnitude, en coordinación coas unidades de Protección Civil e coa rede de Cruz Vermella Española.

A xestión dos servizos preventivos de socorros e emerxencias realízase a nivel provincial. Neste senxo, o obxectivo de Cruz Vermella “é aumentar a rapidez e eficacia na resposta aos accidentes que poidan producirse, activando a a cadea asistencial en menos dun minuto”, apuntan dende a entidade.

A xeralización das actividades de ocio, fai que exista unha demanda crecente da cobertura de dispositivos preventivos, especialmente cando se prevé a asistencia de gran cantidade de público: eventos deportivos, culturais ou sociais. É por iso que Cruz Vermella pon a disposición da organización destes eventos a súa “experiencia capacidade en materia de planificación e desenvolvemento destes dispositivos, de xeito que se poida garantir a seguridade das persoas e o cumprimento dos requisitos legais esixidos”.

No ámbito da formación e da preparación da cidadanía ante unha emerxencia, o voluntariado de socorros tamén participa en actividades de promoción da saúde, ensinando á poboación a importancia dos primeiros auxilios e achegando o material co que traballan á cidadanía en xeral en actividades na rúa, a empresas a través de cursos de primeiros auxilios e DESA, coa participación en simulacros e con escolares nos centros educativos.

A ambulancia está dotada con todo o instrumental necesario para unha emerxencia.

Artigos relacionados

Back to top button