OurenseÚltima hora

Cruz Vermella Ourense incorpora un novo vehículo donado por Abanca

Unhas 2.000 persoas son potenciais beneficiarias do automóbil nunha provincia con gran dispersión poboacional

Cruz Vermella recibe o coche dos responsables de Abanca en Ourense.

 

Cruz Vermella Ourense vén de incorporar un novo vehículo doado por Abanca para levar a cabo os desprazamentos de persoas maiores da provincia que participan nos programas de acompañamento da organización. O coche, de tipo híbrido, facilitará a realización de diferentes proxectos e actividades de atención a este colectivo que Cruz Vermella leva a cabo nunha provincia cunha importante dispersión xeográfica da poboación.

O acordo de colaboración foi asinado na cidade ourensá, onde se atopa a sede provincial da ONG, por parte do director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro.

Segundo datos de Cruz Vermella, unhas 2.000 persoas son potenciais beneficiarias deste vehículo, que xa se emprega para facer fronte á dispersión xeográfica da poboación envellecida das zonas rurais de Ourense e facilita o labor das máis de 300 persoas voluntarias que colaboran.

Estes automóbiles resultan imprescindibles para que o persoal técnico realice visitas de valoración, seguimento e acompañamento aos domicilios dos maiores, pero tamén para que moitas persoas poidan ser trasladadas a consultas médicas, a realizar compras e xestións, a casas de familiares e mesmo a talleres e actividades lúdicas.

Deste xeito, Abanca reforza o seu compromiso coas persoas de maior idade, que constitúe un dos eixos estratéxicos da súa actividade no ámbito da responsabilidade social. De feito, o acordo con Cruz Vermella é un paso máis na colaboración que manteñen ambas as entidades noutras iniciativas como o programa Cubertos, co que se facilitan menús saudables durante as vacacións escolares a menores en situación de vulnerabilidade, ou a campaña de recollida de xoguetes que se realiza coincidindo co Nadal.

Artigos relacionados

Back to top button