EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Cruz Vermella recoñece o labor das empresas colaboradoras de Valdeorras

O Teatro Lauro Olmo acollía o acto enmarcado no proxecto “Alianzas” en materia de inserción laboral

Por segundo ano consecutivo, o Teatro Lauro Olmo do Barco acollía na tarde do 21 de novembro, o acto de agradecemento e recoñecemento ás distintas colaboracións realizadas polo tecido empresarial valdeorrés ao labor social de Cruz Vermella.

Un acto que comezaba en clave de humor, coa presenza dunha actriz entre o público, antes da presentación a cargo da xornalista Raquel Cruz. Ela foi a encargada de dar paso a un vídeo sobre a memoria de actividades da ONG na comarca. Máis de 270 persoas maiores participaron nos seus proxectos, atenderon a máis de mil xoves e apoiaron a máis de 80 persoas inmigrantes e refuxiados. Ademais, ata o mes de novembro, 99 persoas participaron nos distintos proxectos do Plan de Emprego, formándose e mellorando as súas habilidades e competencias, e 42 personas insertáronse no mercado laboral. “Un traballo que só é posible grazas ás diferentes colaboracións das empresas: sinatura de convenios, intermediación de ofertas de emprego, participación en sesións grupais de orientación, participación na selección de candidatos/as para os cursos de capacitación e a súa posterior acollida para a realización de prácticas non laborais nos seus centros de traballo, así como o desenvolvemento de accións de sensibilización e difusión en materia de diversidade e responsabilidade social, fomentando entornos inclusivos onde as persoas coas que traballamos teñan máis oportunidades de inserción”, explican dende Cruz Vermella.

Da experiencia no Plan de Emprego, instaurado en Valdeorras hai uns anos, falou Noelia Mayo delgado, responsable  do “Reto Empresarial: Alianzas” co cal axudan á persoas en diferentes situacións, a atopar un traballo. É o caso de tres dos convidados da noite (dúas delas estranxeiras e unha española) que, guiados pola presentadora, expuxeron as súas experiencias.

 

Noelia Mayo, coordinadora do proxecto “Alianzas”, no acto.

De seguido chegaba o momento central da noite, a entrega de diplomas e detalles ás 30 empresas asistentes ao acto: Ana de La Puente Perfumería y Estética, Asfaval, Asociación Cultural SilFest, AEVA, O Barco Centro Comercial Aberto, Adega Cooperativa Virxe das Viñas, Adega Felipe Mayo Alonso, Adega Roandi, Adega Terriña, Charo López, CIX Centro de Formación, Club Adas, Cool Balea, Copimarc, CUFA, Dona Branca, Oca Nova Manzaneda, Eva Textil Hogar, Froiz O Barco, HCV, Librería Delia o Barco, Librería Murciego, Los Vaqueros, Muebles Victoria, Oficina de Emprego, Pastelería A Casiña, Promecom, Seguros Catalana Occidente, Talleres Andrés e Valoriza Facilities.

Trala entrega de recoñecemetos, era o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Valdeorras, Maximino Alonso quen tomaba a palabra, manifestando o seu agradeemento ás empresas, “polo apoio prestado de forma constante e puntual cada vez que se lanza un chamamento de axuda ou se inicia unha campaña”. Ademais, explicou o traballo da organización humanitaria vinculado á axenda 2030. A ese respecto, fixo fincapé na importancia dese proxecto para toda a comarca, convidando á poboación a apoialo “non só se axuda aos estranxeiros como din pola rede, senón que se trata dun importante investimento para a comarca que repercutirá en todos os estamentos”. Quen amosou o seu apoio directo ao proxecto foi o alcalde do Barco, Alfredo García, que recollía o seu recoñecemento “porque sempre está aí cando o necesitamos, disposto a axudar en todo o que lle propoñemos”, dixo Maximino Alonso no momento de entregarlle o agasallo.

O broche á celebración poñíao a degustación de petiscos na entrada do teatro. Un aperitivo variado no que se notaba a man de Charo López.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button