ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Cruz Vermella reforza a atención ás persoas vulnerables en Ourense ante o Covid-19

Céntrase na xente maior a través das axendas de actuacións, así como cubrir as necesidades básicas de persoas e familias en risco 

 

A pandemia Covid-19 non ten precedentes na historia recente e estase estendendo rapidamente. Non se trata só dunha crise de saúde pública, senón dunha crise humanitaria que impactará na vida, a saúde e os medios de vida en comunidades ao longo de todo o mundo. De aí a importancia dos axentes sociais, das ONG’s e redes humanitarias.

Neste sentido, Cruz Vermella, presente en 192 países e con máis de 13,7 millóns de voluntarios, puxo en marcha unha operación internacional co obxdectivo  de axudar ás comunidades máis vulnerables, frear a propagación do coronavirus e recuperarse dos seus efectos.

 

Servizo de acompañamento de Cruz Vermella en Ourense.

 

Na provincia de ourense, unha das medidas máis importantes que puxo en marcha foi lanzar unha campaña informativa dirixida a máis de 4.300 persoas usuarias de Cruz Vermella identificadas como especialmente vulnerables ante o coronavirus. “A información, pautas e consellos básicos que se transmiten son os trasladados polas autoridades sanitarias, con especial atención á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde”, explican dende Cruz Vermella Ourense.

Ademais de proporcionarlles aos usuarios información relevante e acompañalos nestes duros momentos, en moitos casos de soidade e incertidume, Cruz Vermella en Ourense ponse a disposición destas persoas para “calquera axuda que poidan necesitar: alimentación, medicamentos, acompañamentos ao médico,…”

 

Un voluntario de Cruz Vermella Valdeorras.
Un voluntario de Cruz Vermella Valdeorras.

 

No caso concreto da comarca de Valdeorras con sede na Casa do Río Cigüeño, os voluntarios activaron tamén o protocolo de prevención, mantendo o contacto telefónico cos usuarios, “facendo un seguemento de cada caso”, explican dende a entidade. Tamén levan a cabo acompañamentos médicos “cando sexa imprescindible e sempre cumprindo con todas as normas de seguridade”; así como o reparto de alimentos e vales para supermercados “co fin de cubrir necesidades básicas de familias que nestos momentos necesitan do noso apoio”, din, lembrando que é unha tarefa que implica a moitas persoas xestionando o operativo, voluntariado e persoal técnico da organización. “Además, aproveitamos estas viaxes para lembrar ao vecindario os consellos para previr a transmisión do coronavirus. A información salva vidas”, conclúen.

Fotos: Cruz Vermella Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button