No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Cruz Vermella Española levará a cabo unha campaña, a través de Cruz Vermella Xuventude, baixo o lema “Eu rompo a cadea”, que lembra a importancia de actuar fronte a todas as manifestacións da violencia de xénero: física, psicolóxica, simbólica, económica e institucional, coa fin de erradicala e non fomentar condutas machistas.
Na provincia de Ourense, todas as asembleas realizarán actividades de sensibilización tanto con participantes dos seus proxectos como en centros educativos ou diversos actos públicos dirixidos á poboación en xeral, en moitos casos en colaboración cos Centros de Información á Muller e os Concellos.
Entre outras citas, mañá venres, 24 de novembro, voluntarios da Cruz Vermella Xuventude estará nos recreos do Instituto Otero Pedrayo da cidade, con esta campaña de “Eu rompo a cadea”, na Praza Maior de Celanova, nos centros IES Cidade de Antioquía, o IES As Lagoas de Xinzo, no CEIP de Riós e nas rúas de A Rúa, na concentración do Concello de Verín, no CEIP Amaro Refojo desta localidade e na Praza Maior do Carballiño.
O sábado 25 de novembro, o voluntariado de Cruz Vermella estará tamén presente en distintos actos, como o partido de fútbol e acto institucional organizado polo Concello de Xinzo, o a andaina organizada polo CIM de Maceda. A vindeira semana continuarán as actividades en Castro Caldelas, Allariz e a comarca de Viana, Conso-Frieiras.