CulturaCulturaÚltima hora

Cuarta campaña de escavacións no Castro de San Lourenzo

Vaise ampliar o espazo de excavación neste asentamento do concello de Pobra do Brollón e afondar máis na necrópole con tumbas do século XII
Unha das visitas guiadas realizadas neste verán ao Castro de San Lourenzo./ Foto: Proxeco Castro de San Lourenzo.

Atopar o templo asociado á necrópole que tamén sería a orixe da igrexa de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa. Ese será un dos obxectivos da cuarta campaña de escavacións arqueolóxicas que vai poñer en marcha neste verán no Castro de San Lourenzo na parroquia da Cereixa (A Pobra do Brollón).

Os traballos arqueolóxicos, dirixidos polo arqueólogo Xurxo Ayán, neste asentamento comezaban no 2016 e permitiron obter, dende entón, moita información do modo de vida nos séculos XII, XIII e XIV nesta zona do interior. Nesta cuarta campaña vaise ampliar o espazo de excavación e afondar máis na necrópole con tumbas do século XII.

Esta cuarta campaña desenvólvese grazas ao convenio asinado entre o concello da Pobra do Brollón e a Dirección Xeral do Patrimonio. Ao mesmo tempo o Concello tamén asinou un convenio coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado polo que na primeira quincena do mes de agosto se desenvolverá no Castro de San Lourenzo un campo de traballo internacional que permitirá que unha vintena de mozos executen labores de saneamento e apoio ás escavacións, segundo se informa dende esta administración local.

O Castro de San Lourenzo é ademais punto de referencia central en dúas das propostas de visitas guiadas que este verán comezou a organizar o Concello da Pobra do Brollón. “Con todo, desde o equipo de goberno quérese impulsar e dinamizar os principais recursos turísticos a patrimoniais do concello e neste abano de propostas o Castro de San Lourenzo ten un papel fundamental”, segundo se indica dende o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button