ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

Culto na honra a San Mauro, patrón da Policía Local do Barco

 

A imaxe de San Mauro que se conserva na igrexa parroquial do Barco de Valdeorras que leva o seu nome, aparece ataviada coa simboloxía iconográfica propia dun monxe, aínda que pouco se sabe sobre a introdución desta figura na vila. Algúns estudosos consideran que puido ser debida á influencia cultural, dada a proximidade de mosteiros da Orde de San Benito en Valdeorras; pero tamén é posible que os veciños buscasen o amparo relixioso deste santo fronte ás caudalosas augas do Sil, que tiñan que cruzar dun xeito contínuo nos duros meses de inverno, sendo xa no século XVI cando comezou a cobrar importancia na localidade, coincidindo coa construción da primeira igrexa parroquial.

 

Asistentes a misa na igrexa de San Mauro, no Barco.

 

A partir de aí, chegou a desbancar a San Roque e foi durante séculos a figura patronal do Barco, á que non só se lle rendía culto relixioso, senón que tamén se honraba con baile na praza. Co paso dos anos esa celebración acabou decaendo e as festas perderon participación e vistosidade, aínda que o apartado relixioso do 15 de xaneiro permaneceu, e os cultos cobraron pulo de novo dende que a Policía Local colleu a San Mauro como o seu patrón, con procesión, misa e aperitivo.

No ano 2021 as restricións provocadas pola pandemia de Covid impediron a celebración coma outros anos, limitándonse á novena e unha misa na súa honra; e neste 2022, a situación sanitaria segue sendo complicada, polo que, por segundo ano consecutivo, a festa quedaba reducida á celebración de misa na mañá deste sábado  15 de xaneiro.

 

Exterior da igrexa de San Mauro.

 

Así, ás 12:30 horas comezaba a eucaristía na igrexa de San Mauro, presidida polo novo párroco do Barco, Jesús Álvarez, á que asistían boa parte da plantilla da Policía Local barquense, así como membros da corporación municipal e demais devotos do santo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button