ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Cultos, música e polbo na Romaría de San Francisco Blanco, en Outarelo (O Barco)

Os grupos de amigos, entre eles os da Confraría de San Francisco, non faltaron á tradicional cita

 

Non é a primeira vez que se suspende por mor da chuvia pero nesta ocasión (aínda que máis tarde si chovería) o tempo si permitiu celebrar a procesión coa imaxe e a reliquia de San Francisco Blanco. Así, despois das tres misas anteriores, ás 13h. deste sábado 1 de febreiro os fieis deste santo, avogado dos males da cabeza, percorrían os arredores da capela en Outarelo (O Barco de Valdeorras), co acompañamento musical do grupo de gaitas Celtas Largos.

E trala procesión tiña lugar a misa maior oficiada polos párrocos do Barco e Veigamuíños Presidindo o altar, coma sempre, a reliquia de San Francisco (mártir nado no Tameirón, A Gudiña, e crucificado en Xapón), que os fieis tocaron e bicaron ao rematar os cultos.

 

Os fieis pasando as roscas pola imaxe de San Francisco Blanco.

 

Entre os asistentes, incondicionais grupos de amigos, entre eles os membros da Confraría de San Francisco que non faltan á cita. Moitos deles aproveitan o día para compartir unha tapiña de polbo á feira no local social e tamén no exterior cuberto cunha carpa. Tampouco faltaron as tradicionais roscas.

O apartado musical da fin de semana corre por conta de A Boa Festa, e mañá, domingo día 2 de febreiro ás 13:30h. haberá outra misa na capela, na horna a San Antón.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button