CulturaCulturaÚltima hora

Cultura e Fegamp abordan as liñas de cooperación de cara ao Xacobeo 21

Ambas institucións asinarán un protocolo para coordinar accións vinculadas ao Camiño de Santiago en materia de conservación, mantemento e dinamización
O conselleiro de Cultura xunto ao alcalde do Barco e presidente da Fegamp, durante a reunión.

Coa vista posta no vindeiro Xacobeo 2021 e buscando impulsar a cooperación en materia turística e cultural o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníase neste 9 de xaneiro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García. Acompañados dos seus respectivos equipos, ambos abordaban a necesaria planificación ante un evento que precisa da implicación de todas as administracións galegas, e especialmente neste caso dos concellos.

A xuntanza permiti, segundo Cultura, “abrir un espazo de diálogo entre ambas entidades e sentar as bases de novas colaboracións na gobernanza turística e en materia cultural, un ámbito no que as entidades locais xogan un papel fundamental por ser as máis próximas á cidadanía”.

Especialmente salientable foron os temas abordados en relación ao Camiño de Santiago, que discorre por 120 concellos nos seus diferentes itinerarios oficiais (entre os que figura o Camiño de Inverno). Neste sentido, Román Rodríguez transmitiu a oportunidade de asinar un protocolo de colaboración entre a Xunta e a Fegamp co fin de coordinar as accións vinculadas á Ruta Xacobea en conservación e mantemento, así como na realización de actividades na antesala do vindeiro Ano Santo.

Deste xeito afondaríase “no fomento da colaboración e organización interadministrativa, a primeira liña estratéxica presente no Plan Director do Camiño, facendo que as diferentes institucións se corresponsabilicen da preservación, dinamización e difusión deste recurso patrimonial que supón un motor de desenvolvemento e xerador de riqueza para o medio rural”, segundo a consellería.

 

Outro dos momentos da xuntanza.

Axudas

Ademais poñíanse sobre a mesa as distintas convocatorias de subvencións e cofinanciamento que a Consellería de Cultura e Turismo ten previsto lanzar ao longo deste ano e que van destinadas a mellorar o potencial e capacidade das entidades locais.

Entre elas atópase a orde de axudas, xa aberta, para a dotación de novidades editoriais en galego, en formato físico, así como para a mellora das súas coleccións bibliográficas, tanto das bibliotecas como das axencias de lectura públicas de titularidade municipal que estean integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Inclúense nela dous programas que, en conxunto, reciben 650.000 euros, un 15% máis de investimento que no pasado ano.

Artigos relacionados

Back to top button