OurenseÚltima hora

“Cuñados”, “Eles transportan a morte”, “Olvido y León” e “Malencolía”, eixo da programación do CeMAC 2021

O XVII Curso de Verán de Extensión Universitaria celebrarase do 27 ao 29 de setembro en Ourense no marco do OUFF baixo o lema “Rodado en Ourense. Desafíos do audiovisual galego”, unha nova achega que reunirá a especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas

 

O XVII Curso de Verán de Extensión Universitaria, CeMAC 2021, volve tralo parón que tivo no ano 2020 por mor da pandemia. O curso, promovido pola Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e coa colaboración de AGADIC, celebrarase do 27 ao 29 de setembro en Ourense baixo o lema “Rodado en Ourense. Desafíos do audiovisual galego”. Unha nova achega que reunirá a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

A presentación desta nova edición tivo lugar hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Fundación Carlos Casares, Francisco Javier Casares; o codirector do CeMAC, Paulino Pérez; a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; e a xefa territorial da Consellería de Cultura, Judith Fernández.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, sinalou que o CeMAC é unha andaina que ven reunindo a profesionais do sector desde que se iniciou no pasado 2004 cun claro obxectivo: “analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes, formatos, substanciada nun produto destinado a ser gozado polos receptores”. Así mesmo, Rosendo Fernández quixo destacar a particularidade desta edición que se celebrará “ao amparo do Festival de Cine de Ourense na procura de sinerxías”.

Pola súa parte, Javier Casares afirmou que para a Fundación é “unha gran satisfacción formar parte dun proxecto cultural que naceu no ano 2004, tan só dous anos despois da morte de Carlos, como homenaxe a unha das súas grandes afeccións que é o cine e foi en Celanova onde se celebrou a primeira edición baixo o título “Cine e Literatura. Casares e o cine”.

O CeMAC 2021 centrarase en analizar as singularidades da ficción audiovisual a través de exemplos específicos e de éxito, tendo en conta a situación actual e co marco de Ourense como principal de referencia. Paulino Pérez foi o encargado de explicar a programación prevista para este ano que se centrará ao redor de catro filmes: Cuñados, Eles transportan a morte, Olvido y León e Malencolía, que serán analizados, compartidos e gozados polos asistentes ao curso, “filmes que demostran o momento doce que está a vivir o audiovisual galego”, salientou o codirector do CeMAC.

O taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, realizará a súa peza audiovisual número 11 segundo o lema “rodado en Ourense”, cun equipo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

A vicerreitora do Campus de Ourense animou a todo o mundo de fóra da universidade a participar neste curso e reivindicou o capacidade de reinventarse que demostrou ter o sector audiovisual. Asemade, Judith Fernández dixo que o apoio de AGADIC ao CeMAC é unha mostra desa “firme aposta por fomentar a formación audiovisual e tamén por contribuír á difusión do audiovisual galego, máis aínda no ámbito universitario”.

Artigos relacionados

Back to top button