ConcellosEntroido 2020Galerías de fotosÚltima hora

Cunha colorista e sorrinte sardiña entre as chamas conclúe o Entroido trivés

O enterro da sardiña, organizado este ano por A Caniceira, reunía a catro folións

 

Co velorio da “Viúva do Señor Entroido” ás 20:30h. do Mércores de Cinsa iniciábanse no Centro  Cívico Santa Leonor de Trives (coidadosamente decorado para a ocasión) os actos do Enterro da Sardiña. Ata alí achegábanse os membros de catro folións do concello (Os Labregos, As Maceiras, A Caniceira e A Lardeira), nun acto cuxa organización é rotatoria e que nesta ocasión estaba en mans da Caniceira.

Mentres se velaba a unha colorista Sardiña, con lunares de cores, e un gran sorriso, comezaban a asarse as sardiñas nas planchas, un labor no que colaboraban coa organización integrantes dos outros catro folións.

Despois, os máis de cen asistentes compartían unha cea que incluía un primeiro prato de caldo (con soá, repolo e patacas), seguido de deliciosas sardiñas asadas con ensalada de tomate e pizza. Na sobremesa servíanse orellas de Carnaval, bica e licores. Entre tanto, os comensais podían facerse fotos nun photocall creado para ocasión, nalgúns casos coa sardiña de fondo.

 

A comitiva da sardiña polo centro da vila de Trives.

 

E, tras a cea, comezaba a seguinte parte do ritual: a procesión pola vila encabezada pola Sardiña, con paradas diante dos bares. Despois de completar un longo e divertido percorrido, volvíase ao patio de Santa Leonor para proceder á queima da sardiña como simbólico adeus a uns días moi intensos de festa, folión e troula.

Fotos: Asociación Cultural A Caniceira/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button