EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Cupa, do sector da lousa, entre as empresas do programa Fábrica intelixente e sostible

Inclúe a 23 empresas que permitirán mobilizar preto de 57 millóns de euros na realización de 9 proxectos en sectores como o da pedra natural, a automoción ou o alimentario

Parte exterior das instalacións do grupo Cupa en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta vén de resolver a cuarta convocatoria do programa Fábrica intelixente e sostible, que, con apoios públicos que suman 21 millóns de euros, permitirá mobilizar 56,8M€ na realización de nove proxectos en sectores estratéxicos para a economía galega como a automoción, o alimentario, as enerxías renovables, a industria da madeira ou a loxística.

As iniciativas, nas que participan 23 empresas e seis organismos de investigación, contribúen á creación ou mantemento de máis de 600 postos de traballo de alta cualificación. Están lideradas por compañías que son referentes no seu sector como Cupa, como PSA, Pescanova, Benteler, Finsa, Hifas da Terra, Gri Towers, Galigrain –do Grupo Nogar– e Silicio Ferrosolar, tal e como informa a Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así, o grupo do sector da lousa Cupa desenvolve xunto con Técnicas de Soft (A Coruña) e a Fundación Cetim (Culleredo) o proxecto Smart4slate. Cunha achega autonómica de 1,75 millóns de euros, poderá desenvolver unha fabricación baseada na analítica avanzada e na aplicación de intelixencia artificial na toma de decisións.

O proxecto Facendo 4.0, impulsado por PSA e no que tamén participa o Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), así como Gradiant, Aimen, e a Universidade de Vigo, contará cunha axuda pública de 9,17 millóns de euros. O obxectivo é obter novas solucións tecnolóxicas que permitan á factoría viguesa consolidarse como un referente de automóbiles a nivel mundial, situándoa na vangarda das últimas tecnoloxías e da eficiencia enerxética, en eidos como o vehículo do futuro autónomo e conectado.

Tamén no sector da automoción desenvolverase a iniciativa Five-V, promovida por Benteler Automotive, que busca transformar a planta da compañía en Valladares (Vigo) nunha fábrica intelixente, versátil e sostible, flexibilizando os procesos e as instalacións. Contará cun apoio da Xunta de máis de 722.000 euros.

O proxecto que Silicio Ferrosolar, do Grupo Ferroglobe, desenvolve en Arteixo (A Coruña) xunto con ABCR Laboratorios (Forcarei, Pontevedra), Artabro Tech (Ferrol) e Enso Innovation e Fundación Cetim, ambas en Culleredo (A Coruña) leva por nome Eco-Smart Batt, e centrarase na fabricación 4.0 sostible de nanocompostos e ionoxeles para baterías de alta densidade. Cunha axuda autonómica de 1,76 millóns de euros, busca mellorar a densidade enerxética, o custo e a sostibilidade das baterías ion-litio, facilitando a evolución e a transformación do sector automobilístico.

No ámbito da industria alimentaria, o grupo Nueva Pescanova desenvolverá xunto co centro tecnolóxico Gradiant e a compañía viguesa ASM Soft a iniciativa Sea2Table 4.0, para a que contarán cun apoio de 1,15 millóns. Os obxectivos fundamentais son implantar un novo modelo de fábrica na industria alimentaria que promova a sostibilidade e a eficiencia produtiva mediante a aplicación de tecnoloxías de intelixencia artificial nun entorno de multifábrica; conseguir unha cadea de subministración dixitalizada que garanta a calidade, seguridade e trazabilidade; e axilizar a toma de decisións e flexibilizar a cadea de subministración a través da consolidación de toda a información recollida nos centros industriais de Pescanova.

Pola súa banda, a compañía pontevedresa Hifas da Terra contará coa colaboración de Anfaco-Cecopesca para NutriGen 4.0, un proxecto cunha axuda da Xunta de 1,5 millóns de euros que estudará a optimización integral de tecnoloxías 4.0 para realizar procesos industriais de produción continua de complementos nutricionais a escala piloto.

No caso do proxecto Enxeño+, liderado por Finsa, investigarase en novas tecnoloxías habilitadoras 4.0 en produción sostible de novos taboleiros de alto valor engadido. Finsa, que recibirá unha axuda de 2,64 millóns de euros, contará con entidades colaboradoras como Aimen, Cesga, Citius ou Energylab, e empresas tecnolóxicas como Imatia, Dalp e DXC.

GRI Towers, con sede no Carballiño (Ourense), impulsa a iniciativa Windin4.0, que se centra na dixitalización de procesos de fabricación de torres eólicas. Cun apoio público que supera o millón de euros, o proxecto conta coa colaboración de Agata Technology, empresa situada en Oleiros (A Coruña).

A marinense Galigrain, do grupo Nogar, liderará o proxecto Smartstore, que desenvolverá xunto con Internacional de Comercio y Servicios (ICS) e Protea Productos del Mar, tamén de Marín, e P&J Carrasco, de Vilagarcía de Arousa, contando tamén co centro tecnolóxico Cetim. Búscase con esta iniciativa, á que se lle concedeu unha axuda autonómica de 1,26 millóns de euros, investigar e desenvolver novas tecnoloxías propias da Industria 4.0 para obter avances tecnolóxicos nas principais actividades loxísticas portuarias para produtos de alta relevancia. Do mesmo xeito, desenvolveranse novas solucións nutricionais que permitan aumentar a actual carteira de produtos de nutrición animal.

Desde a posta en marcha en 2016 do programa de Fábrica intelixente e sostible, impulsado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), téñense apoiado 24 proxectos con axudas por 72,8 millóns de euros, mobilizando 272,5M€ en sectores estratéxicos para a Comunidade.

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por unha economía máis sustentable que garante a recuperación a través da transformación ecolóxica e industrial, modernizando a industria e asegurando o crecemento, apoiándose nos sectores estratéxicos da economía para convertelos en motores que arrastren e mobilicen a todo o tecido produtivo, fundamentalmente ás pemes.

Artigos relacionados

Back to top button