EconomíaEconomíaÚltima hora

Curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios, no Barco

Impartirase na Casa Grande de Viloira, do martes 2 ao xoves 11 de novembro en horario de tarde (16:00 a 21:00 horas)

Casa Grande de Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

 

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza varios cursos de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios nos concellos de O Barco de Valdeorras, Ourense e Pontevedra. Así, un deles será para a obtención do carné básico e celebrarase no edificio administrativo do ISSGA do concello de Ourense, dende o martes 2 ao luns 15 de novembro en horario de tarde (19:00 a 22:30 horas).

Esta acción formativa -que contará cunha duración de 27 horas- ten como obxectivo formar axeitadamente aos usuarios e operadores de fitosanitarios co fin de que acaden o nivel adecuado para cumprir coa normativa vixente e facer un uso sostible destes produtos e das proteccións antes os riscos derivados do seu uso.

Doutra banda, tamén está previsto celebrarse un curso ponte para obter o carné de nivel cualificado no concello do Barco de Valdeorras, na Casa Grande de Viloira, do martes 2 ao xoves 11 de novembro en horario de tarde (16:00 a 21:00 horas).

Así, ao longo da programación de ambos cursos abordaranse conceptos como as pragas dos cultivos e os seus métodos de control, a limpeza, regulación e calibración dos equipos de limpeza ou a eliminación dos envases baleiros. Así mesmo, trataranse cuestións como a relación traballo-saúde normativa sobre prevención de riscos laborais e as medidas para reducir os riscos neste eido.

Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico oac.seca.orense@xunta.gal no caso do de Ourense, e ao enderezo oac.seca.obarco@xunta.gal no caso do Barco. Se precisan información adicional poderán chamar ao teléfono 988 386 535 para Ourense e ao 988 788 944 no caso do Barco de Valdeorras.

Por último, impartirase un curso para a renovación do carné nivel cualificado de produtos fitosanitarios, cunha duración total de 10 horas lectivas. Está previsto que se celebre no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, no concello de Pontevedra, o xoves 4 (en horario de tarde) e o venres 5 de novembro (en horario de mañá).

Esta iniciativas está dirixida a usuarios profesionais de fitosanitarios que teñen o carné de nivel cualificado e que necesitan actualizar coñecementos. Trátase de persoas con responsabilidades na aplicación e na comercialización deste tipo de produtos, que precisan proporcionar a información axeitada sobre o seu uso, os seus riscos para a saúde e o medio ambiente e as instrucións para mitigar ditos riscos.

Así, no programa constan contidos sobre o Real Decreto que establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios, sobre os equipos de aplicación e a súa inspección técnica. Así mesmo, falarase da trazabilidade e dos cadernos de explotación ou do novo regulamento de clasificación e etiquetado de produtos fitosanitarios.
Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico formación.cmrm@xunta.gal e se teñen algunha dúbida poderán chamar ao teléfono 981 546 664.

Artigos relacionados

Back to top button