EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Curso de iniciación á cata e maridaxes, da man do enólogo Nacho Álvarez en Cabañas de Carucedo

Preto de 50 persoas participaban nesta actividade na que se cataban sete viños maridados con diversos tipos de patés

Cada unha das fases da cata (visual, olfativa e gustativa), paso a paso, con exemplos de aromas, sensacións e sabores. Así comezaba na tarde do 14 de abril o curso de iniciación e cata maridada, dirixida polo sumiller e enólogo Nacho Álvarez Losada, que se celebraba nas Cabañas de Carucedo (León) con case medio cento de participantes, entres os que había algúns valdeorreses.

Despois das explicacións previas, dábase paso á cata de media ducia viños pertencentes ao Grupo Jorge Ordóñez, do que Losada é director de produción, entre eles había dous viños valdeorreses. A cata comentada, íase intercalando tamén con proxeccións sobre diversos momentos da elaboración ou dos viñedos de onde saían as uvas para elaborar estes viños de zonas tan diferentes como Toro, Málaga, Aragón, Bierzo, Rueda ou a xa citada Valdeorras.

A degustación, maridada con diversos patés, comezaba co Avancia Cuveé de O 2016 godello (da adega barquense Avancia), seguido do Nisia 2016 (verdejo), do Avancia Cuveé de O Rosé 2017 (mencía), do Vehemencia 2015 (mencía), do Tritón 2016 (tinta de Toro), Garnacha de Fuego 2016 (garnacha) e, finalmente o escumoso Botani Muscat 2017 (moscatel de Alejandría). Na cata do escumoso vivíase un momento de expectación xa que se procedía ao seu “degüelle”, acompañado da explicación corresponte sobre a orixe deste procedemento e de cada un dos pasos. Había ademais quen se animaba a probar.

As harmonías de cada un dos viños facíanse con catro patés diferentes de Devegan: o de aluvias e pipas, lentellas e cacahuetes, remolacha e noz e tomates secos e piñóns. A cata concluía cunha pequena exposición sobre o proxecto persoal no que traballa nestes momentos Nacho Álvarez, recoñecido como enólogo revelación por Robert Parker no 2015, a posta en marcha da súa propia adega no Bierzo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button