CulturaCulturaÚltima hora

Curso de Medios Audiovisuais do 15 ao 18 de xullo en Celanova

Ao longo de catro xornadas farase balance dos 25 anos historia do sector en Galicia
Participantes no curso.
Participantes no curso.

Enmarcado nos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, do 15 ao 18 de xullo celebrarase en Celanova o XI Curso de Medios Audiovisuais (CeMAC). A vila de San Rosendo convértese así no referente audiovisual de Galicia cun curso que acada este ano a súa 11ª edición e que analizará 25 anos do audiovisual galego, coincidindo co aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes de ficción galegas: “Sempre Xonxa”, “Continental” e “Urxa”, de 1989.

O curso, organizado pola Fundación Carlos Casares e financiado da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e o Concello de Celanova, era presentado na mañá do 9 de xullo na Deputación, onde se expuxeron os obxectivos do mesmo que son, por unha banda “dar oportunidade aos creadores para presentar e debater co público ao redor da súa obra”, e, por outra “contribuír á visibilidade do cine propio”. Segundo os organizadores, para esta edición optouse por un programa “que ofrece pluralidade de formatos con estreas de longametraxes, documentais, webseries e TV movies, no único foro de reflexión anual que ten lugar en Galicia sobre o noso audiovisual”.

O curso fai un percorrido pola industria audiovisual galega no cuarto de século que vai dende as primeiras longametraxes galegas ata hoxe, e amosa un presente que, permite ser moderadamente optimistas, en opinión dos organizadores, pois hai creadores e propoñen produtos de calidade.

Directores, actores, produtores, guionistas e representantes institucionais abordarán durante catro días no Auditorio Municipal Ilduara a situación actual do sector na comunidade. Deste xeito, durante as sesións falarase de temas como as comedias de situación, as producións de baixo custe, as novas fórmulas de financiamento colectivo, as webseries e os novos formatos documentais, e de títulos como “Idiotas”, “3-1=0”, “Clases de lo social”, “Inevitable”, “Toñito Blanco só”, “perdido e vicioso” e “Los increíbles”. Para facelo participarán no curso parte dos seus equipos técnicos.

Proxeccións, mesas de debate, relatorios e talleres conforman o programa do curso no que tódolos colectivos implicados terán voz para achegar as súas propostas, como así acontece dende 2004 –data da primeira edición do curso-, dez anos nos que máis de 100 profesionais participaron en Celanova neste evento formativo.

Paralelamente ao curso, desenvolverase o taller audiovisual “Celanova, plató de ficción”, coordinado por Paulino Pérez Feijoo, que este ano gravará unha webserie de tres capítulos, coa participación de 11 alumnos e 5 actores da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, que amosará a arte, a historia e as lendas de Celanova, todo elo nun ton de suspense e intriga.

celanova2

celanova3

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button