OurenseÚltima hora

Curso de música antiga en Ourense, do 26 ao 29 de xullo

Charlas e concertos completan a oferta formativa do programa, no que xa hai apuntadas 25 persoas
O curso de música antiga foi presentado esta mañá no Pazo Provincial.
O curso de música antiga foi presentado esta mañá no Pazo Provincial.

Ourense posiciónase como un dos referentes na recuperación da música barroca. Así se deixou de manifesto esta mañá coa presentación do primeiro curso de música antiga que se levará a cabo entre os días 26 e 29 de xullo na provincia coa colaboración do Conservatorio de Música da cidade (CMUS), a Deputación Provincial e o Concello de Monterrei, entre outros. No acto de presentación que tivo lugar no Pazo Provincial estivo o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, o deputado de Cultura, Manuel Doval, a directora do conservatorio, Purificación García, o director do curso, Jorge Fuentes e a profesora de clavecín, María del Mar Blanco.

Fuentes será un dos oito profesores que impartirán a formación aos participantes. Explicou que se trata dunha “interesante” iniciativa que contará con sete especialidades: flauta de pico, traverso, trompa natural, clavicémbalo, oboe e fagot, e que serán impartidas por docentes chegados incluso doutros países, como Portugal e Suíza. “A idea é complementar aquí en Ourense a oferta cultural que xa hai co festival Pórtico”, subliñou.

Pola súa banda, Blanco remarcou a importancia deste tipo de actividades formativas porque o entende coo “divulgación da música antiga en Galicia”. “Temos instrumentos orixinais e queremos facer unha restauración deles”, dicía, e engadía: “o clave, a trompa natural, o traverso… son ferramentas moi diferentes ás que ten un músico clásico”. Tamén apuntaba neste sentido a directora do CMUS, que quixo no entanto agradecer a colaboración da Deputación e dos profesores como impulsores da iniciativa pioneira.

Para Doval, a organización deste curso é a proba de que “seguimos construíndo e mellorando a cultura” e invita ao resto dos concellos da provincia a que tomen conciencia e “se impliquen na educación e, en concreto, no mundo da música”. Unha visión que tamén comparte Rosendo Fernández. O vicepresidente da Deputación entende que “estamos diante dunha nova aposta do ente provincial pola cultura e con visos de mantemento”.

Así, o curso nace coa vontade de regular a súa celebración no tempo e fixala cunha frecuencia anual. De momento, esta primeira edición xa conta con 25 alumnos inscritos e os organizadores agardan que esa cifra se incremente, pois o prazo péchase o vindeiro luns 25. Lembraron que tanto os concertos coma as charlas son gratuítas e vai enfocado a todos aqueles músicos que queiran achegarse ao mundo dos instrumentos antigos pero tamén para aqueles que xa coñezan o eido. É dicir, ofrecerase formación tanto para iniciarse como para niveis de perfeccionamento. Subliñaron así mesmo, que moitos dos instrumentos serán aportados polo propio profesorado debido á dificultade para transportalos.

A programación, que se levará a cabo en tres escenarios -o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a Igrexa de Santa María de Gracia de Monterrei e o auditorio do CMUS- será a seguinte:

  • 26 xullo
    10h. – Apertura do curso, no auditorio do CMUS Ourense.
    18h- Charla-Obradoiro “Evolución do s. XVII ao XX”, por Jorge Rentería. No Centro Cultural Marcos Valcárcel.
  • 27 de xullo
    18-19:30h. – Charla-Taller “Cara unha nova clasificación dos claves históricos”, por Carlos Caramés. No Centro Cultural Marcos Valcárcel.
    20:15h. – Concerto do grupo ourensán O Pensil Barroco, Ensembles de música de cámara e Luis Martínez Pueyo, con La Guirlande. No Centro Cultural Marcos Valcárcel.
  • 28 de xullo
    20:15h – Concerto de O Pensil Barroco e Ensembles de música de cámara. Na Igrexa de Santa María de Gracia (Monterrei).
  • 29 de xullo
    20:15h – Concerto de clausura e entrega de diplomas. No auditorio do CMUS Ourense.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button