ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Curso de rescate en situación invernal en Manzaneda

Trátase dunha nova accion formativa impartida pola AGASP

O Concello de Manzaneda, xunto coa súa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda veñen de acoller, nas instalacións desta, un novo curso dirixido aos voluntarios de Protección Civil e Emerxencias de Galicia e promovido pola AGASP dentro do conxunto de actividades formativas da Academia para o ano 2015.

O curso levou como titulo Técnicas de Intervención, Auxilio e Rescate en situación invernal, na que se conxugaron as técnicas e os medios materiais precisos para auxiliar e rescatar a unha vítima na montaña cando as condicións meteorolóxicas son adversas, tanto en situación de terreo nevado, como nocturna, con néboa ou en terreos de difícil acceso , no que as condicións de rescate van precisar de técnicas especiais para poder recatar ás vítimas como para que os/as rescatadores/as non sufran accidentes e se manteña a súa seguridade á hora de actuar.

A celebración do curso tivo lugar os días 19 e 20 de decembro de 2015, sendo a base de Protección Civil de Manzaneda a aula e os montes de Manzaneda e os terreos da Estación de Montaña de Manzaneda o centro de operacións para as prácticas, un marco axeitado para tomar contacto coa pureza da montaña, a orografía do terreo, as condicións climatolóxicas nas que os voluntarios nos podemos atopar á hora de ter que rescatar unha vítima.

As técnicas que se traballaron foron o manexo do ARVA+Sonda+Pala para facer un rescate ne neve, como organizar unha búsqueda en neve, como facer unha liña de vida para garantir a seguridade dos/as rescatadores/as, como facer un polipasto para rescatar á vítima en situación de difícil o moi difícil acceso, como inmobilizar e aplicarlle o primeiros auxilios a vítima, como trasladala en padiola ou camilla de rescate e como preparar unha pista de aterraxe para un helicóptero que permita evacuar a vítima.

Dúas xornadas que a máis de dar pé a mellora dos coñecementos para moitos voluntarios de todo Galicia, como foi o caso da nutrida participación de xente de todo Galicia e de distintas agrupacións como foron de: Santiago de Compostela, Viana do Bolo, Manzaneda, Castro Caldelas, Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Ribadavia, A Coruña, Cangas do Morrazo, Lugo, Carballo, Marín e Monforte de Lemos. A formación correo a cargo do Instrutor da Agasp Antonio Ulloa Reinoso.

Dende a AVPC de Manzaneda e o Concello manifestar unha vez máis a nosa gratitude ao Servizo Provincial de Emerxencias de Ourense e a AGASP e a toda a sección de formación por ter a ben decidir que Manzaneda sexa lugar para a celebración dun curso de formación para voluntarios de Protección Civil e Emerxencias.

Texto e fotos: Clemente Pérez Arias

Artigos relacionados

Back to top button