OurenseÚltima hora

Curso de xestión do deporte no entorno natural, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

O obxectivo do máster é achegar os coñecementos necesarios para “unha maior seguridade de deportistas, público e natureza

Iniciativas coma este curso posibilitan que Galicia siga sendo “referente na organización de eventos deportivos e, sobre todo, contribúen a unha maior seguridade para os tres protagonistas esenciais dos eventos deportivos que son os propios deportistas, o público que os apoia e o medio natural que achega un escenario incomparable para a realización da actividade física”. Con estas palabras a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, inauguraba en Ourense o curso “Organización e Desenvolvemento de Eventos Deportivos: Deportes no Medio Natural” organizado polo Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo.

Galicia conta con seis parques naturais (o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, o da Baixa Limia e Serra do Xurés, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, o Invernadeiro, e a Serra da Enciña da Lastra), uns espazos que, segundo a secretaria xeral “debemos promover, potenciar e poñer en valor realizando actividades coas que poidamos desfrutar destas paraxes ao tempo que coidamos a nosa natureza”.

No seu relatorio, tamén subliñou que “a utilización do medio natural como lugar idóneo para a realización destas actividades debe ir acompañada dunha serie de medidas de protección e de educación, tanto para os organizadores como para os participantes”. Para iso, enumerou os catro obxectivos do curso que son “coñecer a organización do medio natural galego, coñecer aspectos básicos da protección do medio na organización dun evento deportivo, coñecer experiencias de éxito na organización deste tipo de eventos que nos axuden na nosa tarefa e, por último, coñecer tamén aqueles acontecementos de excepcional interese público”.

O curso está dirixido especialmente ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, así como ao resto de membros da comunidade universitaria, e desenvólvese hoxe 23 e mañá 24 de marzo, na Facultade.

Ademais da secretaria xeral, á inauguración asistían tamén o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta Mario Guede e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button