OurenseÚltima hora

Curso sobre licores e destilados, no Museo Claustro Mercedario de Verín

Desenvolverase a través da Uned os días 18 e 19 de xaneiro e será impartido por Sandra Cortés
Imaxe dun curso anterior sobre viticultura impartido a través da Uned no Museo Claustro Mercedario de Verín./ Foto cedida.

Durante os días 18 e 19 deste mes de xaneiro impartirase en Verín o curso “Destilados e licores” nas instalacións do Museo do Viño dos Mercedarios. Consta de seis horas lectivas e a docente será Sandra Cortés Dieguez, doutora en Química pola Universidade de Vigo e licenciada en Química Analítica pola Universidade de Santiago de Compostela.

O curso deseñouse con 30 prazas e a matrícula custa 10 euros. A través desta iniciativa daranse coñecementos de elaboración de destilados, destacando os elaborados con bagazos de uva, ademais de degustar os destilados de “bagazo” de Galicia, os envellecidos, augardente de herbas, Licores Tradicionais, Licor Café e Licor de Herbas, así como grampas, augardentes do Liébana, marc de #Cava e Pisco.

O programa de sesións abrirase o venres, 18 de xaneiro, de 18 a 19 horas, con teoría para tratar da elaboración de destilados – materia prima – equipos de destilación – procesos de acondicionamento. A continuación, desde as 19h. ás 20h., explicarase a identificación práctica de compostos positivos e negativos para o aroma. Despois tratarase acerca das xeneralidades sobre a análise sensorial aplicada a destilados para finalizar a xornada coa degustación de oito destilados.

Ao día seguinte, sábado 19 de xaneiro, de 10 a 11 horas, o curso abordará a elaboración de licores – materia prima – equipos de destilación – procesos de acondicionamento. Tras esta sesión teórica haberá unha degustación de licores tradicionais. Unha vez finalizada, a partir das 12:15 e ata as 13 horas terá lugar unha nova degustación mediante cata comentada de augardentes e licores de distinta orixe e procesos de elaboración, para definir descriptores sensoriais e peculiaridades a partir de dez mostras.

Esta actividade en Verín está patrocinada polo Concello de Verín e dirixida por Jesús Manuel García Díaz, director do Centro Asociado á UNED en Ourense e coordinada por Luís Paadín, autor da Guía de Viños de Galicia.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button