EconomíaEconomíaÚltima hora

Curso sobre planificación e deseño de plantacións de castiñeiro de froito en Parada de Sil

Será impartido o venres 13 de agosto no salón de actos deste concello ourensán, de 10 a 14 horas

Plantación de castiñeiros./ Foto: IXP Castaña de Galicia.

 

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre planificación e deseño das plantacións do castiñeiro de froito. A acción formativa ten previsto desenvolverse o vindeiro venres 13 de agosto no salón de actos do Concello de Parada de Sil en horario de 10 a 14 horas.

O obxectivo principal desta acción formativa é complementar a formación dos produtores de castaña para mantelos ao día sobre novidades, investigación e tratamentos actualizados de doenzas, así como orientalos sobre as tendencias técnicas e de mercado. De aí que esté dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Terá unha duración de 4 horas nas que se instruirá aos alumnos na planificación das plantacións segundo a súa variedade, a repoboación e o peche perimetral destas árbores, así como outras recomendacións como o rego ou a fertilización.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

Artigos relacionados

Back to top button