EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Curso sobre técnicas de cultivo en viticultura, o 26 de xullo na Evega (Leiro)

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), órgano dependente da Consellería do Medio Rural, organiza a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) un curso sobre técnicas de cultivo en viticultura. A formación, que se impartirá no concello de Leiro, Ourense, conta cun total de 20 prazas e ten previsto dar comezo o vindeiro luns 26 de xullo.

O curso terá unha duración de 35 horas, durante as cales se formará a viticultores e adegueiros nos temas máis importantes relacionados coa viticultura, abordando conceptos que lles permitan posteriormente poñelos en práctica nas súas explotacións.

Así, o temario tratará diversas cuestións como as variedades de vide, a súa plantación, o manexo do material vexetal e o mantemento do solo. Tamén se abordarán outros conceptos como as técnicas de prevención e métodos de control de enfermidades e pragas da vide, o mantemento do solo ou a aplicación de fitosanitarios.

Esta acción formativa está destinada principalmente tanto a persoas vinculadas profesionalmente aos sectores produtivos relacionados coas explotacións agrarias, preferiblemente vitivinícolas, como mozos e mozas que desexen incorporarse ao sector agrario ou continuar coa súa formación neste eido.

Todos os interesados poderán anotarse no curso ata 25 de xullo cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente á Evega ao correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal . Para máis información sobre o curso, pódese visitar o seguinte enlace: https://evega.xunta.gal/gl/actualidade/curso-de-viticultura-tecnicas-de-cultivo

Artigos relacionados

Back to top button