SanidadeÚltima hora

Cursos sobre prevención de riscos laborais, no Hospital Comarcal Valdeorras

Un deles centrábase no embarazo e na lactancia, mentres que o outro tiña un enfoque dende unha perspectiva de xénero

A finais de maio impartíanse no salón de actos do Hospital Comarcal Valdeorras dous cursos organizado pola CIG-Saúde. O primeiro, titulado “Prevencióin de Riscos Laborais no Embarazo e na Lactancia” (6 de horas de duración), desenvolvíase o 27 de maio con 58 asistentes. A súa relatora era Lorena Prada Fernández, enfermeira de profesión e asesora de lactancia da Asociación De Nai a Nai.

Nesta acción formativa expoñíanse “os motivos e a importancia de protexer á nai e ao bebé fronte aos riscos derivados da exposición a axentes de traballo ou condicións que poidan influír negativamente na súa saúde. Falouse dos riscos laborais máis frecuentes, como deben evaluarse e cales son as medidas preventivas a adoptar en cada caso. Fíxose un repaso da normativa relacionada e da súa interpretación, poñendo exemplos de resolucións xudiciais sobre a exposición a determinados riscos, sobre a duración da protección da lactancia, así como dos resultados dunha valoración de riscos insuficiente e inadecuada”, explica Lorena Prada.

Ao día seguinte, 28 de maio, impartíase o curso “Enfoque da Prevención de Riscos Laborais dende unha perspectiva de xénero” (5 horas), coa docente Ana María García, avogada especializada en temas de xénero e maternidade. Nel contábase con 57 asistentes. Na súa intervención, a relatora falaba dos riscos laborais asociados ás desigualdades de xénero e das medidas para afrontar as situacións de discriminación. Explicou as diferenzas entre acoso e discriminación por razón de sexo e tamén abordou a violencia de xénero no ámbito laboral e as súas consecuencias no traballo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button