EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei “tremendamente satisfeita” da súa primeira participación en Prowein

A presidenta do seu consello regulador fai balance da presenza nesta feira alemá celebrada en marzo
Expositor do CRDO Monterrei en Prowein.
Expositor do CRDO Monterrei en Prowein.

Alemaña é un mercado de sumo interese para os viños de Monterrei. Non en van actualmente é o principal destino da produción desta denominación de orixe ourensá. Pero a idea é seguir avanzando nel. Tendo en conta ademais que se trata dun dos tres maiores importadores de viños do mundo. De aí a importancia de participar nun certame vitivinícola de referencia dentro e fóra de Alemaña como é Prowein. Por primeira vez os viños de Monterrei acudían a esta mostra que se celebraba entre os días 13 e 15 de marzo na cidade de Düsseldorf. Participaban no marco dun stand de 10 metros cadrados, que contaba co apoio do Igape e do ICEX. Ademais nesta zona expositiva estaban presentes membros do equipo técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.

O balance desta primeira participación en Prowein ten sido “tremendamente satisfactorio”, en palabras da presidenta desta denominación, Asunción Rodríguez Zarraquiños. “Dende o CRDO Monterrei puxemos o acento no fomento da internacionalización dos nosos viños e a nosa presenza en feiras como Prowein axúdanos neste obxectivo”, explica.

Nese senso, Asunción Rodríguez expón as estatísticas que amosan a presenza exterior dos viños de Monterrei. “O ano pasado exportamos a países estranxeiros un 19% da nosa produción e, no 2016, aspiramos a aumentar esa cifra. Podemos dicir que xa non son experiencias illadas as de adegas da nosa D.O. que colocan parte da súa produción no estranxeiro. Hoxe por hoxe, existe un nutrido grupo de adegas que apostan pola internacionalización e é posible degustar viños de Monterrei en países tan dispares como Estados Unidos, Noruega ou Australia”, destaca.

Asemade a presidenta da D.O. Monterrei incide na importancia de que tamén asistisen adegueiros desta zona produtiva a Prowein. “O feito de que varios adegueiros acompañasen aos técnicos da D.O. en Düsseldorf durante a celebración de Prowein permitiulles establecer contactos comerciais in situ con diferentes públicos obxectivo (prescritores, xornalistas, distribuidores, consumidores finais, etc.) que, sen dúbida, serán beneficiosos para favorecer a internacionalización dos seus viños”.

Rodríguez Zarraquiños tamén agradece a colaboración do Igape para materializar a presenza de Monterrei neste prestixioso certame vinícola. “Sen o seu respaldo tería sido moi difícil para a D.O. Monterrei ter participado en Prowein”.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button